O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, visitou esta mañá o novo recurso deste tipo aberto en Padrenda, Ourense
A Xunta segue a consolidar a rede de casas niño no rural cun investimento de 10,5 M€ para garantir a súa continuidade ata o ano 2028
O Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe recolle a nova convocatoria de axudas para apoiar o funcionamento destes recursos
Increméntase en case un 5% as achegas ás titulares das casas, ata os 29.000 euros anuais
Concédese unha subvención adicional de 1.500 euros para a renovación dos equipamentos
Padrenda (Ourense), 20 de xaneiro de 2025
O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, destacou hoxe a aposta da Xunta porque todas as familias dispoñan dun recurso de conciliación preto dos seus fogares, vivan onde vivan. Díxoo nunha visita á nova casa niño de Padrenda, a primeira coa que conta este concello ourensán, que coincidiu coa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) da orde de axudas por 10,5 millóns de euros para garantir ata o ano 2028 a continuidade destes recursos, que ofrecen atención gratuíta a nenos de 0 a 3 anos.
Jacobo Rey explicou que este convocatoria inclúe un incremento de case o 5% da achega que viñan percibindo as titulares das casas niño e que se poderán acoller a ela aqueles centros que leven funcionando máis de tres anos. Este aumento supón elevar ata os 29.000 euros a contía anual que reciben as titulares destes equipamentos. O obxectivo é que poidan facer fronte ao incremento de gastos derivados da subida da luz ou das pólizas de seguro.
Así mesmo, o directo xeral apuntou que outra da novidades desta orde plurianual, que abrangue ata 2028, é que contempla unha achega adicional de 1.500 euros para facilitar a renovación dos equipamentos máis antigos.
As persoas interesadas en acollerse a estas axudas teñen, a partir de mañá, un mes de prazo para facelo. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.
Máis dun centenar de recursos no rural galego
Galicia ten na actualidade máis de 100 casas niño en servizo distribuídas por todo o territorio galego, entre as que suman máis de 500 prazas gratuítas para nenos de 0 a 3 anos. O obxectivo é dar continuidade a este recurso e seguir atendendo ás necesidades de conciliación da vida persoal e laboral das familias nos concellos rurais de Galicia nos que están establecidas.
Cada casa niño atende un máximo de cinco nenos, de xeito flexible e con garantías de seguridade e calidade, dado que se esixe unha formación ou experiencia profesional específica e impóñense requisitos e normas de seguridade nos inmobles. Estes servizos ofrecen unha atención integral e personalizada con carácter gratuíto na modalidade de atención diúrna e de luns a venres.