A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático reuniuse coa alcaldesa da localidade
A Xunta e o Concello de Narón avalían vías de colaboración para acometer a mellora do colector xeral do río Freixeiro
Ángeles Vázquez explica a posibilidade de optar á declaración de interese xeral do Estado, que foi a fórmula empregada noutros proxectos de grande envergadura como as obras de construción da nova EDAR da Silvouta, no concello de Santiago de Compostela
Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2025
A Xunta de Galicia e o Concello de Narón avalían vías de colaboración para acometer a mellora do colector xeral do río Freixeiro.
Nunha reunión que mantivo esta tarde coa alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, asegurou que Augas de Galicia está á disposición do Concello para ofrecer a axuda técnica que sexa necesaria no procedemento así como para colaborar no futuro financiamento da actuación, cuxo orzamento base de licitación ascende a 4,3 millóns de euros.
Tal e como lembrou a conselleira, unha posibilidade sería optar pola declaración de interese xeral do Estado, que foi a fórmula empregada noutros proxectos de grande envergadura como as obras de construción da nova estación depuradora de augas residuais (EDAR) da Silvouta, no concello de Santiago de Compostela.
Ademais, a alcaldesa informou á conselleira da necesidade de levar a cabo varias actuacións en materia de saneamento na contorna rural do concello. Nesa liña, Ángeles Vázquez reiterou a disposición de Augas de Galicia a avaliar posibles proxectos concretos.
A conselleira reiterou que a Xunta continuará prestando o seu apoio técnico e económico aos concellos para que poidan exercer as súas competencias de saneamento e abastecemento de xeito máis eficiente e prestar servizos de calidade á súa veciñanza.
A maiores, no encontro a conselleira e a alcaldesa tamén abordaron o plan de conservación dos ríos no termo municipal. Así, Ángeles Vázquez explicoulle á rexedora que logo de ter actuado en varios tramos fluviais do río Grande de Xubia, Augas de Galicia ten previsto acometer labores de conservación na área con risco potencial significativo de inundación (ARPSI) do río Freixeiro no mes de febreiro.