A conselleira do Medio Rural salienta a importancia da formación para impulsar o crecemento e mellorar a rendibilidade do sector lácteo galego

María José Gómez participou hoxe na apertura do III Foro Empresarial Lácteo organizado polo Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa en Coristanco

Nel puxo en valor o papel da mocidade, cada vez máis formada, xa que as granxas que producen máis da metade do leite da comunidade teñen como titular a unha persoa de idade igual ou menor a 45 anos

Ademais, destacou as iniciativas do seu departamento encamiñadas a fomentar a remuda xeracional como son as axudas á incorporación de mozos ao agro ou os plans de mellora

Coristanco (A Coruña), 22 de xaneiro de 2025

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, participou hoxe na apertura do III Foro Empresarial Lácteo, organizado polo Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa en Coristanco, no que puxo de relevo a importancia da formación para impulsar o crecemento e mellorar a rendibilidade do sector lácteo galego.

Neste sentido, a conselleira salientou a evolución que experimentou este eido produtivo nos últimos 50 anos e engadiu que a formación dos profesionais do sector agrario contribuíu a ese cambio. “Cada vez hai máis xente formada á fronte dunha explotación e apostan pola innovación e a modernidade para conseguir mellor e maior produción”, afirmou.

María José Gómez aproveitou a ocasión para destacar o traballo formativo que se desenvolve desde centros como o EFA Fonteboa a prol de fomentar a formación dentro do sector agrogandeiro porque, sinalou, o rural é unha opción na que hai oportunidades máis que atractivas para desenvolver proxectos vitais.

Ademais, resaltou que a mocidade é o futuro do rural galego e incidiu en que as granxas que producen máis da metade do leite da comunidade teñen como titular a unha persoa de idade igual ou menor a 45 anos e que os Centros de Formación e Experimentación Agraria, que dependen da Consellería do Medio Rural, seguen a medrar e nalgúns dos ciclos que ofertan a ocupación acada o 100%.

Favorecer a remuda xeracional

Na apertura deste foro, María José Gómez tamén quixo poñer o foco na remuda xeracional e por iso destacou que o Goberno galego traballa con iniciativas que buscan favorecer o mantemento do rural.

Sobre esta cuestión, salientou o plan de remuda xeracional con axudas á incorporación de mozos ao agro, pero tamén para plans de mellora que fagan máis rendibles e modernas as explotacións. A maiores, engadiu que no pasado ano convocáronse por primeira vez as axudas para a incorporación de persoas entre 41 e 55 anos.

Por último, destacou outras iniciativas como o plan de titorización dirixido ás persoas que se incorporen ao sector beneficiarias destas axudas, que ten por obxectivo guialos á hora de poñer en marcha os seus proxectos. A redución da burocracia foi outra das cuestións que tratou e sinalou os investimentos nas oficinas agrarias para facilitar calquera trámite ou a xestión coa maior celeridade posible das axudas da PAC.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/01/2025