A delegada da Xunta en Ferrol participou esta tarde na presentación ‘Unha viaxe ao interior do Xeoparque Cabo Ortegal’ no stand de Geoparques de España de Fitur
Martina Aneiros destaca a colaboración entre administracións e entidades locais como garante da continuidade do proxecto do Xeoparque Cabo Ortegal
Destaca a iniciativa como exemplo de como o turismo pódese converter en “motor de sustentabilidade, impulsando un desenvolvemento equilibrado que respecte a esencia das paisaxes e contornas e redunde en beneficio de quen as habita”
Lembra que o Goberno galego apoia este proxecto a través da concesión de 1,5 M€ dos fondos Next Generation, no marco do Plan Territorial de Sustentabilidade Turística do Litoral
Madrid, 23 de xaneiro de 2025
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta tarde na 45ª Feira Internacional de Turismo (Fitur) na presentación Unha viaxe ao interior do Xeoparque Cabo Ortegal, coa que o UNESCO Global Park (UGGp) Cabo Ortegal puxo en valor os principais fitos acadados por este proxecto en 2024, así como o novo material turístico editado recentemente, especialmente as pílulas informativas sobre os seis geosites presentes neste territorio.
Na súa intervención, Aneiros destacou a colaboración entre administracións, comunidades locais e entidades como garante da continuidade deste proxecto “que pon en valor un territorio único, non só pola súa riqueza xeolóxica, senón tamén pola súa capacidade de converterse en exemplo de turismo responsable e sostible”.
A delegada territorial enumerou algunhas das riquezas que agocha este territorio e que lle teñen permitiron acadar en 2023 o recoñecemento de Xeoparque Mundial da Unesco desde 2023 -o segundo de Galicia- e puxo en valor o proxecto como exemplo de como o turismo pódese converter en “motor de sustentabilidade, impulsando un desenvolvemento equilibrado que respecte a esencia das paisaxes e contornas e redunde en beneficio de quen as habita”.
Lembrou ademais o respaldo da Xunta ao proxecto no marco do Plan Territorial de Sustentabilidade Turística do Litoral, deseñado polo Goberno autonómico con fondos Next Generation e que inclúe 1,5 M€ para un Plan de Sustentabilidade do Xeoparque e asegurou que o turismo “do futuro pasa por iniciativas que, como a do Xeoparque Cabo Ortegal, que integran sustentabilidade, innovación e excelencia”.