A Xunta publica hoxe no DOG a aprobación do proxecto de acondicionamento da AC-421 na Agualada, en Coristanco, na que se inclúe unha senda peonil

Esta actuación de humanización do treito inicial desta vía suporá un investimento de case 764.000 euros e inclúe tamén a mellora de beiravías, do firme e da drenaxe

Comunicaranse co núcleo de Agualada as vivendas dispersas situadas ao longo de estrada ata o punto quilométrico 0+750 mediante unha senda pola marxe dereita

No tramo entre os puntos quilométricos 0+712 e 0+727, coincidindo co cruzamento sobre o río Calvar, acometerase unha pasarela de madeira de 15 metros

Tamén se levará a cabo a rehabilitación do firme entre os puntos quilómetros 0 e 0+980, no enlace coa autoestrada A Coruña-Carballo (AG-55)

A Xunta prevé realizar no 1º semestre deste ano a convocatoria de levantamento de actas previas das expropiacións e licitar a execución das obras ao longo do exercicio

Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2025

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas publicou hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o acordo de aprobación do proxecto para o acondicionamento da AC-421 na Agualada, no concello de Coristanco, que suporá un investimento de case 764.000€. Tamén se inclúe a aprobación do trámite de información pública e o informe das administracións afectadas.

Esta intervención na estrada autonómica, que suporá un investimento de case 764.000€, permitirá a humanización do treito inicial desta vía autonómica ao seu paso polo municipio coruñés, na que se inclúe a execución dunha senda peonil, a mellora de beiravías, do firme e da drenaxe. 

O obxectivo da Xunta é realizar no primeiro semestre deste ano a convocatoria de levantamento de actas previas das expropiacións e licitar a execución das obras ao longo do ano. 

As actuacións proxectadas, cun prazo de 6 meses, consistirán na reorganización de espazos e a mellora dos pavimentos no tramo de travesía da AC-421 comprendido entre o punto quilométrico 0 e o 0+135, ampliando beirarrúas coa diminución do ancho de calzada e redistribuíndo as zonas de aparcamento, dando maior protagonismo ao peón.

Comunicaranse co núcleo de Agualada as vivendas dispersas situadas ao longo de estrada ata o punto quilométrico 0+750 mediante unha senda pola marxe dereita. Na actualidade, este tramo carece de beiravía ou beirarrúa, polo que con esta actuación perséguese o fomento da mobilidade sostible en condicións seguras.

Doutra banda, para mellorar a drenaxe da vía darase continuidade á cuneta formigonada existente no quilómetro 0+980 pola marxe esquerda ata as casas situadas no punto 0+750.

Ademais, entre os puntos quilométricos 0+712 e 0+727, coincidindo co cruzamento sobre o río Calvar, acometerase unha pasarela de madeira de 15 metros de longo apoiada en estribos cargadeiro de formigón. 

Tamén se levará a cabo a rehabilitación do firme entre os puntos quilómetros 0 e 0+980, no enlace coa autoestrada A Coruña-Carballo (AG-55), incluíndo a execución dunha cuneta de seguridade pola marxe esquerda entre os puntos quilométricos 0+750 e 0+980.

Data de actualización: 27/01/2025