A Xunta apoia con preto de 412.000 euros o obradoiro de emprego dual Ulla-Umia que formará a 20 persoas de Valga, Moraña e Portas
Valga (Pontevedra), 27 de xaneiro de 2025
A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, asistiu á inauguración do obradoiro de emprego dual Ulla-Umia, impulsado polo concello de Valga e ao que están tamén asociados cos municipios pontevedreses de Moraña e Portas. Esta iniciativa recibiu unha axuda da Xunta de preto de 412.000 euros no marco da convocatoria de 2024 e conta cunha vintena de persoas participantes, que estiveron presentes no evento de lanzamento xunto cos alcaldes de Valga, José María Bello; de Moraña, José Luis Gómez, e de Portas, Ricardo Martínez.
Estas persoas recibirán formación ao tempo que desempeñan un traballo remunerado e que se centrará en actividades auxiliares en conservación e mellora de montes e en repoboacións forestais e tratamentos silvícolas e, por outra banda, en traballos de carpintaría e moble, aplicacións de vernices e lacas en elementos de carpintaría e moble e mecanizado de madeira e derivados. Deste xeito, os obradoiros duais coma este buscan atender as necesidades do tecido produtivo de cada contorna.