O DOG publica o Plan Camiña Rural, dotado con preto de 19,5 M€ para renovar camiños e mellorar a competitividade das explotacións agrarias

O obxectivo deste programa é financiar as actuacións de mellora e mantemento dos camiños municipais que dan acceso a parcelas agrícolas

Poden ser beneficiarios todos os concellos de Galicia que teñan remitidas ao Consello de Contas as contas do último exercicio orzamentario antes do vencemento do prazo de presentación da solicitude e estean ao día nas súas obrigas tributarias

Ademais, o Diario Oficial de Galicia tamén recolle hoxe as bases reguladoras da convocatoria de 2025 das axudas para proxectos de investimento en actividades empresariais non agrícolas, que contan cun orzamento de 1,7 millóns de euros

Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2025

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da nova convocatoria do Plan Camiña Rural da Consellería do Medio Rural para o período 2025-2026, dotado con preto de 19,5 millóns de euros de fondos propios. O investimento está distribuído en dúas anualidades, 9,5 millóns de euros para 2025 e 9,99 millóns para 2026. Este programa ten como obxectivo financiar as actuacións de mellora ou mantemento dos camiños municipais que dan acceso en calquera punto do seu trazado a polo menos dúas parcelas agrícolas.

Todos os concellos de Galicia poden ser beneficiarios destas axudas co cumprimento de dous requisitos principais. Deberán ter remitidas ao Consello de Contas as contas do último exercicio orzamentario antes do vencemento do prazo de presentación da solicitude e estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á débeda coa Administración Pública de Galicia. Así, pártese dunha asignación fixa por localidade que se incrementa en función do número de entidades de poboación, criterios de agrariedade e outras cuestións vencelladas coa superficie e a localización do municipio.

En definitiva, serán subvencionables as actuacións de ampliación, que supoñan un incremento da lonxitude dos camiños, que incidan na seguranza viaria e permitan o cruce de vehículos; de mellora, para reforzar o firme existente coa incorporación de novas capas e a adecuación de obras de paso de cursos fluviais; e o mantemento do firme e as súas marxes.

Investimentos en actividades non agrícolas

Por outra banda, o DOG tamén recolle hoxe a resolución coas bases reguladoras das subvencións para proxectos de investimento en actividades empresariais non agrícolas na convocatoria de 2025, que contan cun orzamento de 1,7 millóns de euros. Estas achegas da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural permiten reforzar o tecido socioeconómico no territorio rural galego e mellorar a súa competitividade, inducir á xeración de novos empregos e á consolidación dos existentes e, en última instancia, consolidar e impulsar a dinamización económica destes territorios.

As axudas convócanse en réxime de concorrencia competitiva e financiarán proxectos destinados á adquisición de bens de equipo inherentes á actividade empresarial que están desenvolvendo as empresas existentes, nunha decidida aposta pola ampliación e modernización do sector produtivo no medio rural.

Poderán beneficiarse destas axudas as pequenas empresas situadas en zonas rurais e as persoas físicas que residan nestas contornas, que desenvolvan a súa actividade en ámbitos tales como a produción de bens e materiais, a transformación e/ou comercialización de produtos agrarios, a prestación de servizos sociais ou a artesanía e actividades artesanais, entre outros.

Ligazón á resolución do Plan Camiña Rural no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250129/AnuncioO90-301224-0001_gl.html.

Ligazón á resolución das axudas para investimentos en actividades non agrícolas no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250129/AnuncioO90-261224-0001_gl.html.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/01/2025