A Xunta inviste preto de 58.000 euros na mellora do Camiño de Porta do Conde a Outeiriño, en Portas
O delegado territorial visitou os resultados das obras levadas a cabo grazas ao Plan Marco 2024-2025 e lembrou as actuacións que foron posibles grazas á convocatoria do 2023-2024
O Plan Marco deste ano deixou na comarca de Caldas e Ullán preto de 320.000 euros
A convocatoria deste ano conta cun orzamento de máis de 3,2 millóns para o total da provincia de Pontevedra
Portas, 29 de xaneiro de 2025
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o resultado das obras de mellora do camiño de Porta do Conde a Outeiriño, no concello de Portas.
As obras, que foron posibles grazas ao Plan Marco 2024-2025 da consellería de Medio Rural e contaron cun orzamento de preto de 58.000 euros, permitiron mellorar a seguridade viaria e a comodidade dos veciños e veciñas da zona.
Cabe destacar que o Plan Marco deste ano deixará na comarca de Caldas e Ullán preto de 320.000 euros en investimentos que permitirán, ademais da obra visitada, mellorar o pavimento do camiño de Cesar a Cesariños, en Caldas de Reis; mellorar o camiño de acceso da PO-220 ao Navala, en Cuntis; mellorar varios camiños municipais no concello de Catoira; actuar sobre o acceso a varias parcelas agrícolas nos lugares do Calvo e o Pazo, no concello de Moraña; mellorar a pista da Barosa e o camiño do Ullán, en Pontecesures; e mellorar un camiño municipal no lugar de Carracido, en Valga.
O delegado territorial aproveitou a visita para lembrar a actuación que se levou a cabo neste concello grazas ao Plan Marco 2023-2024 e que, cun orzamento de 54.000 euros, permitiu mellorar un camiño en Fontenla-Cachadas, na parroquia de Lantaño.
Reguera rematou a visita destacando a importancia deste tipo de axudas que “permiten renovar centos de quilómetros de firme e optimizar vías en lugares onde a mobilidade é unha peza clave para a mellora da calidade de vida dos veciños e veciñas”.
O Plan Marco 2024-2025 conta cun orzamento para a provincia de Pontevedra de máis de 3,2 millóns de euros.