Gómez Caamaño remarca o investimento de máis de 1.000 millóns na sanidade pública viguesa, onde a espera para operarse é de 52 días menos que no conxunto de España
A Xunta incrementou este ano nun 5,5 % a partida orzamentaria destinada á sanidade da área máis poboada de toda Galicia, que atende a case 600.000 persoas
O conselleiro destaca que en 2025 culminará a construción do Centro Integral de Saúde Olimpia Valencia, no que a Xunta inviste preto de 15 millóns de euros
As listas de agarda na área sanitaria de Vigo son moi inferiores á media nacional, con 40 días menos no acceso á primeira consulta co especialista e 52 días menos para unha intervención cirúrxica
Vigo, 30 de xaneiro de 2025
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, participou esta mañá no foro organizado polo Círculo de Empresarios de Galicia Retos da Sanidade pública galega 2025. No evento salientou o investimento de máis de 1.000 millóns de euros que a Xunta realizará este ano na sanidade pública viguesa e os bos datos das listas de agarda da área, onde a espera media para acceder a una intervención cirúrxica é 52 días inferior á media estatal.
Acompañado pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz; polo director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, Alfredo Silva Tojo; e polo xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente, Gómez Caamaño debullou algúns dos fitos que están a situar á sanidade galega como un referente a nivel nacional e internacional.
En concreto, explicou que Galicia posúe o calendario de vacinación máis completo do mundo; é referente nos programas de cribado poboacionais de cancro; conta co cribado neonatal máis amplo de España; e tamén comeza a situarse á vangarda no que atinxe aos tratamentos oncolóxicos, grazas ao novo Centro de Produción de Terapias Avanzadas e, en breve, coa posta en marcha do Centro de Protonterapia de Galicia, que estará tratando pacientes no ano 2026.
Nesta liña, o conselleiro destacou que o departamento sanitario da Xunta continúa a impulsar novos proxectos cos que mellorar os niveis de eficiencia da sanidade pública galega. En concreto, destacou o desenvolvemento do proxecto Xenoma Galicia, que suporá un grande avance na detección e no tratamento de enfermidades; e tamén o novo Plan de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, que permitirá dimensionar dun xeito máis preciso as necesidades presentas e futura da rede sanitaria pública galega.
Compromiso coa sanidade pública de Vigo
Respecto da área sanitaria de Vigo, Gómez Caamaño salientou que o Goberno galego realizará en 2025 un importante esforzo investidor, ao destinar un 5,5 % máis nos orzamentos a unha área sanitaria que atende a case 600.000 persoas, sendo a máis poboada de toda Galicia. Así, a Xunta dedica neste 2025 máis de 1.000 millóns de euros á sanidade pública viguesa.
Gómez Caamaño incidiu en que os vigueses dispoñen desde hai unha década do mellor hospital de Galicia e dun dos mellores hospitais de Europa, o Hospital Público Álvaro Cunqueiro. Remarcou, ademais, que se continúa a traballar por ofrecer mellores prestacións sanitarias á cidadanía, coa ampliación de prazas na unidade de hospitalización infanto-xuvenil e a creación dunha área de transición para os adolescentes; tamén a creación dunha nova área maxilofacial no Hospital Meixoeiro; ou a ampliación do Hospital de día oncolóxico que se agarda estea en servizo antes do verán para incrementar ata nun 30 % a súa capacidade para tratar diariamente a pacientes de cancro.
A nivel infraestruturas, lembrou que este ano se culminará a construción do Centro Integral de Saúde Olimpia Valencia de Vigo, cun investimento da Xunta de case 15 millóns de euros, valorou a recente ampliación do centro de saúde do Porriño, as obras en marcha do novo centro de saúde de Moaña e a reforma do consultorio de Domaio, así como os próximos avances para impulsar os novos centros de saúde de Ponteareas e de Mos.
Por último, e no que atinxe ao ámbito asistencial, salientou os bos datos de lista de agarda que posúe esta área sanitaria. Explicou que a demora para operarse en Vigo é 52 días inferior á media de España (121 días); e de 40 días menos para poder acceder a primeira consulta co especialista (94 días en España fronte aos 53,6 de Vigo).