A Xunta pon en valor o seu investimento de máis de 200.000 € para a mellora das infraestruturas rurais de Mos

Así o destacou hoxe a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na súa visita á intervención na Aldea Alfacuca, enmarcada na promoción e posta en valor da vida social, cultural e educativa da comarca

Acompañada pola alcaldesa da localidade, Nidia Arévalo, Gómez explicou que con estas achegas trátase de “mellorar a calidade de vida das persoas que viven nesta contorna, na confianza de que se pode vivir ‘en’ e vivir ‘do’ rural”

Mos (Pontevedra), 31 de xaneiro de 2025

A Xunta destinou dende 2023 máis de 200.000 euros á mellora das infraestruturas rurais de Mos, tanto para acondicionar a Aldea Alfacuca con fins informativos e de lecer como para mellorar os camiños municipais deste concello pontevedrés.

Así o destacou hoxe a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na súa visita á intervención en Alfacuca, enmarcada na promoción e posta en valor da vida social, cultural e educativa da comarca, e na que estivo acompañada pola alcaldesa da localidade, Nidia Arévalo.

Así, salientou Gómez, trátase de achegar recursos “para mellorar a calidade de vida das persoas que viven nesta contorna, na confianza de que se pode vivir ‘en’ e vivir ‘do’ rural”. Engadiu que a Xunta traballa nesa liña, polo que agradeceu á alcaldesa a sensibilidade amosada para colaborar nesta materia. Comprometeuse, ademais, a seguir cooperando cos municipios para mellorar as infraestruturas rurais e beneficiar así á veciñanza.

De feito, trasladou a conselleira, un dos eixos centrais da actividade do seu departamento, e nomeadamente da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, é precisamente esa colaboración cos concellos. Neste marco, puxo en valor os preto de 19,5 millóns de euros do plan Camiña Rural para este ano e o vindeiro, que financiarán a mellora e mantemento dos camiños municipais que da acceso a parcelas agrícolas. Unha medida que, lembrou, foi aprobada esta mesma semana polo Consello do Goberno galego.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/01/2025