O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, visitou un establecemento adheridos ao Centro comercial aberto Ourense Centro
A Xunta lanzará o venres a nova orde de achegas para os centros comerciais abertos potenciando a súa excelencia e capacidade de dinamización territorial
José González avanza que a convocatoria de 2025, que amplía o orzamento ata os 2,5 M€, busca potenciar esta figura clave para a vertebración das vilas e cidades galegas, sinalando que as asociacións poderán concorrer a premios extraordinarios de 50.000 euros
Este ano tamén se avanzará na creación do rexistro e reconfiguración dos centros comerciais abertos, seis na provincia de Ourense, con nova denominación e imaxe propia, concibida desde unha dinamización integral das contornas comerciais
Estas medidas enmárcanse no Plan estratéxico do comercio 2025-2030, que estará rematado este trimestre e co que a Xunta busca garantir o futuro dun sector prioritario para a economía e o emprego
A elas súmase a orde unificada de achegas para autónomos (40M€), para as que se vén de implementar un chatbot de resolución de dúbidas, e que incorporan programas como o Bono Remuda para impulsar o mantemento dos negocios no territorio
Para seguir potenciando as actuacións a prol do sector impulsadas por Galicia con fondos propios —máis de 10,4M€ en 2024—, a Xunta reclama ao Goberno central acceder a recursos Next Generation que o Executivo ten reservados sen executar
Ourense, 1 de febreiro de 2025
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado do director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e do delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou esta mañá o establecemento ANNA, adherido ao centro centro comercial aberto Ourense Centro —cuxo presidente, Luis Rivera, tamén estivo presente, entre outros—, co obxectivo de visibilizar a riqueza do tecido comercial e poñer en valor o papel que xoga o asociacionismo a prol de prol de incentivar as compras de proximidade, anunciando que o vindeiro venres, 7 de febreiro, se publicará a nova orde -ampliando o orzamento ata os 2,5 millóns de euros- para impulsar os centros comerciais abertos, con novidades para potenciar estas figuras.
Neste senso, José González fixo fincapé en que o labor que desenvolven os CCAs como Ourense Centro —un dos seis en activo en toda a provincia, xunto cos de O Carballiño, Ribadavia, Celanova, O Barco e Verín— non só beneficia aos comerciantes, senón que tamén enriquece a experiencia de compra e a vida social e cultural das vilas e cidades, facendo das rúas un espazo máis atractivo, dinámico e cheo de vida. A este respecto, avanzou que a nova convocatoria de axudas que se lanza a próxima semana — elevando ata un 90 % a intensidade da axuda, sobre unha contía máxima financiable de 52.000 €— busca primar a calidade e a excelencia das propostas de dinamización, sinalando que as asociacións poderán concorrer a premios extraordinarios de 50.000 euros para a realización de actividades en coordinación con concellos e outras entidades. Así mesmo, González indicou que en 2025 tamén se avanzará na creación do rexistro e a reconfiguración dos centros comerciais abertos, con nova denominación, imaxe propia e uniforme, concibida desde unha dinamización integral das contornas comerciais.
Plan estratéxico de comercio
González destacou a prioridade da Xunta por avanzar en actuacións para incentivar o consumo e potenciar a actividade empresarial e comercial. Mostra deste esforzo é o o Plan estratéxico do comercio 2025-2030, que estará rematado no primeiro trimestre deste ano tras o proceso participativo desenvolvido nos últimos meses. Así, incluirá medidas coma a colaboración mencionada cos CCA, as liñas de modernización e dixitalización ou a reactivación dos Bonos Activa Comercio, con 5M€ orzamentados en 2025 e que o ano pasado volveron demostrar a súa eficacia, con máis dun milleiro os negocios participantes en Ourense e 3,3M€ mobilizados na provincia, no marco dos 22,5M€ en vendas rexistrados en toda Galicia. Esta planificación incluirá tamén actuacións singulares como Vilas Vivas — un proxecto cuxo piloto se realizou o pasado Nadal en Ribadavia e que busca impulsar as cabeceiras de comarca a través de experiencias de comercio efémero— así como accións para o impulso da rede de Mercados Excelentes, ás que se suman achegas específicas como a consignación de 1M€ para cofinanciar as obras da praza de abastos nº1 de Ourense.
Co obxectivo de potenciar todas estas actuacións, financiadas exclusivamente con fondos propios —máis de 10,4 M€ en 2024—, o Executivo autonómico reitera a necesidade de sumar esforzos entre administracións —tal e como xa demandou nunha recente reunión coa secretaria de Estado de Comercio— reclamando que Galicia poida acceder a recursos Next Generation que o Goberno central reservou e que non está a executar.
Apoio ao tecido artesán
Por outra banda, na xornada de hoxe, o conselleiro de Emprego tamén visitou a tenda Amodo, impulsada polas titulares de varios obradoiros inscritos en Artesanía de Galicia e que tras o éxito do espazo efémero aberto no Nadal decidiron manterse como establecemento permanente na que teña cabida tamén talleres, demostracións e presentacións de produto. Alí, José González destacou que este proxecto constitúe un exemplo das novas fórmulas de comercialización do produto artesanal galego —un eido que tamén se impulsará a través do Plan Estratéxico de Comercio— e sinalou a importancia da colaboración de varios profesionais para crear puntos de venda xuntando esforzos e minimizando custos.
Impulso ao tecido autónomo
O conselleiro remarcou que detrás das iniciativas comerciais hai, na meirande parte dos casos, persoas autónomas que apostan por xerar riqueza nas súas contornas. Nese marco, salientou a orde unificada de axudas para este colectivo, dotada con máis de 40M€ co obxectivo de avanzar na simplificación administrativa. Engloba 5 programas que apoian desde o inicio da actividade ata a súa consolidación e mantemento, a conciliación, a nova oportunidade ou a remuda. No caso do Bono Remuda introduce novidades dentro da aposta por facilitar a transmisión de negocios rendibles para favorecer a vertebración do territorio. Así, engádense, ás xa incluídas para quen asume a empresa, axudas para quen traspasa por xubilación. A este respecto, González tamén subilñou a implementación dun chatbot de intelixencia artificial para facilitar a resolución de dúbidas en tempo real para as persoas autónomas en relación coa tramitación destas axudas.