Medio Rural enxalza a calidade dos produtos vitivinícolas galegos na `Barcelona Wine Week 2025´

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria participou hoxe na inauguración deste evento, onde afirmou que estas celebracións se configuran como un escaparate ideal no que presentar e promocionar as elaboracións galegas

A Consellería conta cun expositor propio no que estarán presentes as Denominacións de Orixe Rías Baixas, que acude ao evento con 24 adegas; a DO Ribeiro, que participa con cinco; a DO Ribeira Sacra, con oito; e unha adega da DO Valdeorras

Tamén se contará cun espazo para empresas elaboradoras de produtos das Indicacións Xeográficas Protexidas de Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia e os viños con este indicativo

Barcelona, 3 de febreiro de 2025

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, asistiu esta mañá á inauguración da Barcelona Wine Week, que se celebra desde este luns ata o mércores, 5 de febreiro, no recinto feiral de Montjuïc, e no que a Consellería do Medio Rural está presente para apoiar o sector vitivinícola da nosa comunidade. 

Martín Alemparte salientou este tipo de celebracións, que se configuran como un escaparate ideal no que presentar e promocionar as elaboracións vitivinícolas galegas para dalas a coñecer fóra de Galicia e ante un público internacional. A Axencia participa no evento a través da presencia de 45 industrias de elaboración de viños ou augardantes, que asistirán agrupadas baixo a marca Galicia.

Neste sentido, a Consellería conta cun expositor propio no que estarán presentes as Denominacións de Orixe Rías Baixas, que acude ao evento con 24 adegas; a DO Ribeiro, que participa con cinco; a DO Ribeira Sacra, con oito; e unha adega da DO Valdeorras. Esta presenza compleméntase cun túnel do viño no que estarán presentes caldos das cinco denominacións de orixe galegas. A Axencia organizou tamén unha representación das empresas elaboradoras dos produtos das Indicacións Xeográficas Protexidas de Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia con dous postos que acollen estes produtos; así como outros dous stands para os viños con IXP.

Barcelona Wine Week

A Barcelona Wine Week está consolidada como o evento enolóxico de referencia en España. Nesta edición están presentes máis de 1.100 adegas e 75 denominacións de orixe de todo o país, un 16% máis que no 2024, nun salón de preto de 10.000 metros cadrados de extensión.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/02/2025