A Xunta mellora a imaxe de elementos na contorna da Muralla de Lugo
Javier Arias explica que os traballos que se iniciaron hoxe céntranse na retirada do peche de madeira situado xunto ao adarve e do valado de chapa que se instalou na campaña de escavacións arqueolóxicas na Tinería
As actuacións acabarán co impacto visual que estes elementos provocaban dende hai anos sobre o Monumento
Lugo, 3 de febreiro de 2025
A Xunta iniciou hoxe os traballos para mellorar a imaxe da contorna da Muralla, entre a rúa dos Fornos e Recanto do Miño. A intervención céntrase en eliminar os elementos que se instalaron durante a campaña de escavacións arqueolóxicas que se desenvolveu na zona e que provocaban un impacto visual sobre o Monumento.
O delegado territorial, Javier Arias, explicou que os traballos comezaron esta mañá coa retirada do peche de lamas de madeira situado xunto ao adarve, na parcela próxima ao aparcamento do hospital Quirón, para substituílo por unha varanda metálica máis baixa, integrada e permeable.
A nova instalación conta cuns 100 centímetros de altura, a base de redondos de aceiro galvanizado separados cada 10 centímetros, con pintura efecto forxa de acabado en negro. Permitirá a visión do entorno dende a Muralla e ademais mantén o deseño e materiais doutras varandas empregadas xa en actuacións previas, como a das escaleiras do cubo XVIII.
Hoxe procedeuse tamén á retirada do valado de chapa galvanizada que delimitaba o perímetro do terreo escavado para mudalo por unha varanda de madeira, máis acorde co contorno. Así mesmo, vanse desmontar dous postes metálicos.
En fases posteriores está tamén previsto reforzar a protección dos restos arqueolóxicos, cambiando a lona xeotéxtil que os resgarda, e realizar un aporte vexetal para regularizar o terreo.
Arias apuntou que as actuacións deseñadas pola Xunta pretenden axudar a mellorar este espazo dende o punto de vista estético. Lembrou que son medidas provisionais, á espera de que o desenvolvemento urbanístico da unidade de intervención UI7 permita determinar o seu uso.