A Xunta suma apoios ao protocolo contra violencias sexuais e LGTBIfóbicas nunha xuntanza cos empresarios do ocio nocturno de Lalín

O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero salienta a importancia de adherirse a este protocolo para garantir unha resposta rápida e coordinada ante posibles agresións

Lalín (Pontevedra), 4 de febreiro de 2024

O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, reuniuse hoxe con empresarios do ocio nocturno de Lalín. Neste encontro tamén participou o alcalde, José Crespo, a tenente alcalde, Paz Pérez, a concelleira de igualdade, Carmen Canda, e o de Seguridade Cidadá, Pablo Areán, e o obxectivo é promover a adhesión de máis locais ao Protocolo de actuación contra as violencias sexuais e LGTBIfóbicas promovido pola Xunta de Galicia.

O protocolo establece unhas pautas e unha guía de actuación no caso de producirse unha agresión sexual ou un acto violento contra as persoas LGTBI mentres desfrutan no interior dos locais. Dende o mes de xuño, este protocolo está incluído no programa obrigatorio para obter o título de Controlador de accesos en Galicia. Ademais, Roberto Barba sinalou que se trata dun procedemento sinxelo e no que en todo momento os profesionais deste sector contarán co asesoramento da Administración autonómica para facilitar a súa implementación.

Neste senso, o director xeral fixo fincapé na importancia de sumar esforzos na loita contra calquera tipo de violencia para que o lecer nocturno sexa un espazo seguro de convivencia. Así mesmo, Roberto Barba destacou a importancia de adherirse a este protocolo unificado en Galicia que garante unha resposta rápida e coordinada ante calquera agresión.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/02/2025