A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático reuniuse co alcalde da localidade
A Xunta e o Concello de Gondomar avalían vías de colaboración en materia de saneamento e prevención de inundacións
Analizaron o proxecto para mellorar a estación depuradora de augas residuais, que incluiría unha liña de lamas e decantación secundaria adicional
Ángeles Vázquez reitera o compromiso para mellorar a drenaxe na confluencia dos ríos Miñor e Zamáns coa redacción dun novo proxecto adaptado á nova situación logo das obras de humanización levadas a cabo polo Concello na contorna
Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2025
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Gondomar, Juan Francisco Ferreira, coincidiron hoxe na necesidade de colaborar en materia de saneamento e prevención de inundacións.
Durante unha reunión que mantiveron hoxe en Santiago de Compostela, a conselleira e o rexedor analizaron o proxecto para mellorar a estación depuradora de augas residuais (EDAR), que, entre outros aspectos, incluiría unha liña de lamas e decantación secundaria adicional. Logo de indicar que xa existe un proxecto redactado por Augas de Galicia, a conselleira lembrou ao concello que é necesario dispor dos terreos precisos para acometer a actuación así como estudar vías de financiamento para a súa execución.
No que atinxe á prevención de inundacións no municipio, Ángeles Vázquez e Juan Francisco Ferreira acordaron adaptar o proxecto para a mellora da drenaxe na confluencia dos ríos Miñor e Zamáns, que é unha área con risco potencial significativo de inundación (ARPSI), para adaptalo á nova situación logo das obras de humanización levadas a cabo polo Concello na contorna.
Nese senso, a conselleira indicou que a Xunta está traballando no deseño do novo Plan de xestión de risco de inundación 2028-2033 (PXRI) coa avaliación preliminar da situación dos ríos galegos desde este punto de vista, unha análise realizada por Augas de Galicia. Cómpre lembrar que a Xunta xa someteu esta planificación ao procedemento de consulta pública co fin de recompilar as posibles achegas de entidades e cidadáns para minimizar os efectos dos asolagamentos sobre o territorio, a economía e a poboación.
Este plan, que se realiza en ciclos de seis anos, comeza sempre cun estudo preliminar do risco de asolagamento co fin de identificar aqueles tramos fluviais máis vulnerables por presentar un risco significativo ou probable de provocar este tipo de episodios.
Para concluír, Ángeles Vázquez subliñou que a Xunta segue avanzando tamén nos estudos relativos ao cambio climático e os seus efectos nos ríos xa que axudan a realizar unha valoración cuantitativa das variacións nos caudais de avenida esperados en función dos distintos escenarios.