Medio Rural publica o decreto no que se mellora a estrutura e as funcións do Observatorio do sector lácteo

Trátase dun órgano colexiado de asesoramento, consulta e análise do sector lácteo para dotalo de ferramentas para a toma de decisións empresariais e de estratexia de mercado

Unha das novidades salientables, canto ás funcións do Observatorio, é o feito de engadir entre elas o estudo da cadea de valor e das relacións comerciais e contractuais, pola importancia que esta materia ten no tecido do sector lácteo e na determinación dos prezos

Esta modificación busca incrementar a cantidade de información dispoñible, a transparencia e a calidade na publicación dos datos

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2025

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o decreto polo cal se regula a nova estrutura e o sistema de funcionamento do Observatorio Lácteo de Galicia.

O Observatorio vén funcionando dende a súa creación no ano 2007, pero o tempo transcorrido dende aquela e os cambios experimentados nestes anos na produción e na industria, así como na evolución do consumo e dos mercados do leite e dos produtos lácteos a nivel nacional e internacional, aconsellan adaptalo á realidade actual.

Con este fin, o decreto publicado hoxe cambia a composición do Observatorio para acoller a todos os elos da cadea de valor do leite: produción, industria, distribución e consumo. Así mesmo, redefine as funcións da presidencia da secretaría e das vogalías que o conforman (21 en total). Neste sentido, cómpre destacar a incorporación a unha das vogalías da asociación de produtores lácteos de Galicia con maior representatividade. Esta incorporación obedece á necesidade de que no Observatorio figuren representados todos os sectores que traballan directa ou indirectamente no sector lácteo.

Ademais, co fin de fortalecer o seu funcionamento ordinario, permítese a creación de grupos de traballo coa participación de persoas expertas no sector lácteo alleas ao Observatorio. Esta modificación tamén busca incrementar a cantidade de información dispoñible, a transparencia e a calidade na publicación de datos, co fin de mellorar este órgano colexiado de asesoramento, consulta e análise do sector lácteo para dotalo de ferramentas para a toma de decisións empresariais e de estratexia de mercado

Xuntanzas do Pleno

Así mesmo, establécese un período máis amplo entre cada xuntanza ordinaria do Pleno do Observatorio (pásase das trimestrais a unha de carácter anual), para poder contar con datos consolidados á hora de exercer as funcións atribuídas ao Observatorio. Con todo, contémplase a posibilidade de que se poidan celebrar as reunións que fosen precisas, sen someterse a esta periodicidade, en sesións extraordinarias.

O sector lácteo é un motor da economía agraria galega, con máis de 3 millóns de toneladas producidas ao longo do ano 2024, que acadaron un valor de case 1.400 millóns de euros pagados aos produtores e produtoras de Galicia. Co fin de dotar a este sector dunha ferramenta de planificación estratéxica e que aporte transparencia e información dun xeito eficaz, faise preciso impulsar, mediante unha nova regulación, o Observatorio do Sector Lácteo de Galicia.

Data de actualización: 06/02/2025