Gómez Caamaño visitou hoxe este centro de saúde que será obxecto dunha profunda remodelación para optimizar a calidade asistencial da poboación lucense
O conselleiro de Sanidade anuncia a licitación hoxe das obras de reforma integral do centro de saúde da Milagrosa, en Lugo, que comezarán este verán cun investimento de 3,2 M€
Salienta que o centro de saúde será renovado por completo reorganizando e ampliando os seus espazos para ofrecer unha atención sanitaria máis cómoda e eficiente
As empresas interesadas en participar neste procedemento teñen até o vindeiro 4 de marzo para presentar as súas ofertas
O comezo das obras está previsto para este verán, cun prazo de execución de 18 meses
Lugo, 6 de febreiro de 2025
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, anunciou está mañá na súa visita ao centro de saúde da Milagrosa de Lugo, a licitación da obras de reforma integral desta infraestrutura sanitaria, por importe de 3,2 millóns de euros.
Acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias; a directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Sofía López; e do xerente da área sanitaria, Ramón Ares; o máximo responsable do sistema sanitario público galego remarcou a importancia dunha actuación “moi demandada pola veciñanza” e coa que a Xunta reafirma unha vez máis o seu compromiso coa sanidade na provincia de Lugo.
Segundo apuntou, o centro de saúde da Milagrosa será renovado por completo, reorganizándose e ampliando os seus espazos para ofrecer unha atención sanitaria máis cómoda e eficiente aos seus usuarios.
“Estamos ante unha obra moi ambiciosa, que vai permitir pasar dun centro de saúde obsoleto e saturado, a un inmoble moderno e amplo, cun espazo máis accesible, eficiente e máis adaptado ás necesidades actuais”.
Tras a actuación, o centro de saúde da Milagrosa contará con 6 consultas de medicina xeral, 6 de enfermería e novas salas destinadas á docencia, ás urxencias ou á toma de mostras. Ademais, tamén se renovará a súa área de admisión, as zonas destinadas ao seu persoal e a súa accesibilidade.
As empresas interesadas en participar neste procedemento teñen até o vindeiro 4 de marzo para presentar as súas ofertas. Está previsto o comezo das obras neste verán, cun prazo de execución de 18 meses.
Cómpre destacar que mentres se desenvolvan os traballos de reforma, os profesionais deste centro de saúde seguirán atendendo no CIS de Lugo, garantindo así a continuidade asistencial. Non obstante, cando rematen as obras poderán elixir o seu centro.
Compromiso da Xunta e homenaxe ao doutor Plácido Vila
No transcurso da visita, Gómez Caamaño tamén avanzou que a reforma levará aparellada unha homenaxe ao doutor Plácido Vila, facultativo que exerceu o seu labor neste inmoble e cuxo recoñecemento foi demandado por parte da veciñanza.
A reforma integral do centro de saúde da Milagrosa é unha mostra máis do compromiso da Xunta coa mellora da atención primaria na área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos. A actuación licitada hoxe engádese a outras iniciativas clave implementadas recentemente polo Goberno galego, como foi a posta en marcha do novo Centro Integral de Saúde de Lugo, un centro sanitario de referencia e que xa está a mellorar a atención sanitaria da poboación lucense.