O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes visitou esta mañá as actuacións levadas a cabo na escola infantil municipal de Cabana de Bergantiños
A Xunta abre mañá o prazo para que os concellos poidan solicitar as axudas do fondo de compensación ambiental
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde, dotada con máis de 11 millóns de euros para apoiar accións a prol da conservación, reposición, restauración do medio e do equilibrio territorial
A liña non competitiva do fondo vai dirixida a concellos nos que haxa parques eólicos e a competitiva a todos os municipios e a mancomunidades ou consorcios locais de Galicia que presenten os seus proxectos
Diego Calvo puxo en valor o papel do fondo na recuperación sostible dos concellos ao contribuír á redución das emisións e ao aforro enerxético nas arcas locais, ao mesmo tempo que se conciencia á cidadanía da necesidade de apostar pola sustentabilidade
Cabana de Bergantiños (A Coruña), 7 de febreiro de 2025
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado da directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou a escola infantil municipal de Cabana de Bergantiños, na que a Xunta apoiou melloras de eficiencia enerxética cunha achega de case 110.500 euros. Deste xeito, o Goberno galego contribúe a mellorar a eficiencia enerxética do edificio e así reforzase a calidade da prestación deste servizo dirixido a nenos e nenas de 0 a 3 anos e, ao mesmo tempo, facilítase a conciliación das familias.
Os traballos incluíron a renovación da cuberta e do illamento térmico para solucionar os problemas de humidades e filtración de auga; novas carpinterías, ventás, acristalamentos e persianas; a sustitución de lámparas e luminarias e mellor aproveitamento da luz natural e a colocación de paneis solares.
A actuación cumpre cos obxectivos do Fondo de Compensación Ambiental, destinado a apoiar os concellos na mellora do medio natural. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica precisamente hoxe a orde pola que se convocan as axudas deste fondo para este ano, que conta cun orzamento de 11,2 millóns de euros, polo que o conselleiro animou ás entidades locais a presentar as súas solicitudes desde mañá e no prazo dun mes a través da sede electrónica da Xunta (https://sede.xunta.gal).
Diego Calvo lembrou que este fondo foi creado para distribuír o canon eólico en beneficio da conservación e restauración da contorna, así como do reequilibrio territorial. A través destas axudas, sinalou, contribúese a acadar unha redución das emisións de gases de efecto invernadoiro á atmosfera e, ao mesmo tempo, un descenso na factura de enerxía dos concellos. Polo tanto, os proxectos financiados supoñen -engadiu- “un efecto exemplarizante para concienciar á veciñanza da importancia de apostar pola eficiencia enerxética e pola sustentabilidade”. Nesta liña, puxo en valor o papel do FCA na recuperación sostible dos concellos galegos a través das súas liñas non competitiva, dirixida aos concellos nos que haxa parques eólicos ou afectados pola conexión ou vía de evacuación e a competitiva destinada a todos os municipios e a mancomunidades ou consorcios locais de Galicia que presenten os seus proxectos. Para optar a ambas, cada entidade local pode presentar ata dúas solicitudes, sempre que unha sexa individual e outra conxunta. Cada unha das peticións debe corresponderse cun único proxecto, que, no caso das solicitudes individuais de concellos, pode abranguer varias accións.
Accións subvencionables
As accións subvencionables nas dúas liñas do fondo inclúen os investimentos e custos de funcionamento dos servizos municipais dedicados á protección do medio. Entre os obxectivos que deben perseguir figuran a conservación da biodiversidade, o fomento do coñecemento e da utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais, e a recuperación do medio natural degradado ou contaminado. Tamén deben impulsar a eficiencia e o uso sustentable das enerxías renovables, e, en xeral a protección do medio natural.
Neste marco, poden acollerse ás axudas as campañas divulgativas e de sensibilización sobre boas prácticas ambientais, plans e proxectos ambientais; as accións de eficiencia enerxética e de redución da contaminación lumínica; ou as melloras enerxéticas nas instalacións municipais, xa sexa na envolvente do edificio, iluminación e climatización interior e instalación de caldeiras de biomasa, paneis solares térmicos ascensores eficientes ou sistemas de aforro de auga. Tamén se financia ao abeiro destas axudas a adquisición de vehículos con distintivo ambiental cero emisións ou eco, así como os destinados a actuacións a prol da contorna natural e para a recollida e traslado de residuos.
Outras iniciativas subvencionables ao abeiro desta convocatoria son as infraestruturas destinadas á utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais (centros de interpretación, aulas de natureza, paseos, áreas recreativas, rutas de sendeirismo...), as actuacións a prol da integración paisaxística nos núcleos rurais e os proxectos para evitar a degradación e facilitar o control ambiental no ámbito municipal (equipamento para a recollida de residuos, proxectos de saneamento e abastecemento de auga, maquinaria para a protección de ambiente, recuperación de espazos degradados ou obras en edificios para reducir os riscos derivados da exposición ao gas radón). A maiores, as axudas cobren tamén os gastos do persoal vinculado á execución das accións subvencionables.