A Xunta reforma os falsos teitos e mellora a iluminación e accesibilidade do CEP Antonio Magariños Pastoriza de Cambados
A actuación contou cun orzamento de 50.000 euros
Dende o ano 2011 realizáronse obras por valor de preto de medio millón de euros neste centro educativo
O delegado territorial aproveitou para poñer en valor o esforzo da Consellería de Educación para manter en bo estado os centros educativos de toda Galicia
Cambados, 6 de febreiro de 2025
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o resultado das obras levadas a cabo no CEP Antonio Magariños Pastoriza de Cambados.
Os traballos, que contaron cun orzamento da Xunta de preto de 50.000 euros, consistiron na reforma dos falsos teitos, coa instalación de lá de roca que mellora o illamento e a acústica das aulas; a instalación de luminarias tipo led para diminuír o gasto enerxético do centro, e a instalación dunha rampla de acceso ao patio con piso antiesvaradizo de plaqueta para mellorar a accesibilidade do edificio.
O delegado territorial comprobou os bos resultados obtidos e aproveitou a visita para lembrar o compromiso da Xunta coa “mellora constante dos centros educativos galegos”, con especial atención ás “cuestións relacionadas ca eficiencia enerxética e a accesibilidade”.
Cabe destacar que, dende o ano 2011, a Xunta levou a cabo actuacións por valor de preto de 500.000 euros neste centro educativo. O pasado 2024 foi un ano especialmente activo no que respecta aos traballos de mellora dos centros educativos de Cambados. Así, ademais da citada obra no CEP Antonio Magariños Pastoriza, tamén se realizaron traballos de reforma dos falsos teitos e luminarias no CEIP Corvillón e no CEIP Plurilingüe de Castrelo, así como obras de reforma dos aseos no CEIP Enrique Barreiro Piñeiro. Cada unha destas obras contou cun orzamento aproximado de 50.000 euros.
Reguera rematou a visita poñendo en valor o “importante traballo que se está a levar a cabo dende a consellería de educación para manter os estándares de calidade e comodidade aos que estamos habituados e que, sen lugar a dúbidas, merece o alumnado e corpo docente galego”.
Plan de nova arquitectura pedagóxica
Este ano arranca a segunda fase do Plan de nova arquitectura pedagóxica que se levará a cabo durante os próximos tres anos e que prevé a execución de 61 grandes actuacións en centros educativos da provincia de Pontevedra por valor de preto de 65 millóns de euros.
O Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, que arrancou no ano 2021, rematará no ano 2028 cun investimento total en toda Galicia de preto de 500 millóns de euros que serán destinados á renovación de edificios educativos en toda a comunidade autónoma.