Belén do Campo reúnese co alcalde de Oroso para seguir avanzando nas vías de colaboración entre ambas administracións
A delegada da Xunta animou ao rexedor a solicitar algunhas das liñas de axudas abertas dirixidas aos Concellos como o Fondo de Compensación Ambiental, a orde de Infraestruturas ou as axudas do Plan Camiña Rural
Oroso (A Coruña), 6 de febreiro 2025
A delegada da Xunta, Belén do Campo, reuniuse, esta tarde, co alcalde do Concello de Oroso, Alex Doval. No encontro repasaron as necesidades deste municipio para mellorar a calidade de vida dos seus veciños.
Belén do Campo informou que, hoxe mesmo, abriuse o prazo da orde pola que se convocan as axudas do Fondo de Compensación Ambiental (FCA) para este ano, que conta cun orzamento de 11,2 millóns de euros, polo que a delegada animou ao rexedor a presentar a súa solicitude desde mañá e no prazo dun mes.
A representante do Goberno autonómico explicou que este fondo foi creado para distribuír o canon eólico en beneficio da conservación e restauración da contorna, así como do reequilibrio territorial. Nesta liña, puxo en valor o papel do FCA na recuperación sostible dos concellos galegos a través da súa liña competitiva, que o ano pasado, lle permitiu a este Concello adquirir unha varredora eléctrica por un importe de algo máis de 30.000 euros. As accións subvencionables do fondo inclúen os investimentos e custos de funcionamento dos servizos municipais dedicados á protección do medio natural.
Infraestruturas
A delegada da Xunta tamén animou a Alex Doval a solicitar as axudas da nova convocatoria da orde de Infraestruturas de uso público tamén da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, dotada con 3,5 millóns de euros e co prazo aberto ata o 28 de febreiro. A representante do Goberno autonómico lembrou que, o ano pasado, Oroso recibiu case 48.000 euros que lle permitiu levar a cabo a adquisición de mobiliario para a Casa do Concello e a compra de equipamento informático para Cultura e Deportes. Esta convocatoria vai dirixida a realización de actuacións nas redes de alumeado público; a pavimentación de camiños públicos municipais; e as obras en prazas, parques, paseos e rúas. A estas engádense a creación ou rehabilitación de edificios ou dependencias municipais destinadas á prestación de servizos municipais, así como a mellora da súa accesibilidade ou a dotación de equipamentos destes edificios ou dependencias.
Plan Marco
A representante do Goberno autonómico tamén lembrou que está aberta a nova convocatoria do Plan Camiña Rural da Consellería do Medio Rural para o período 2025-2026, dotado con preto de 19,5 millóns de euros de fondos propios. O programa ten como obxectivo financiar as actuacións de mellora ou mantemento dos camiños municipais que dan acceso en calquera punto do seu trazado a polo menos dúas parcelas agrícolas. O prazo está aberto ata o 28 de febreiro. Ao abeiro desta orde o Concello de Oroso recibiu na convocatoria 24-25 máis de 53.000 euros para a mellora da rede viaria no refuxio de Sigüeiro e no lugar de Burgao en Trasmonte, que xa están adxudicadas e se executarán neste primeiro semestre.
Os dous representantes públicos coincidiron na necesidade de seguir reforzando os vínculos locais para contribuír ao desenvolvemento sustentable dos municipios galegos.