Dez colexios de Ferrol verán renovadas as súas instalacións deportivas a través dun investimento conxunto de 1 M€ da Xunta e o Concello
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e o alcalde, José Manuel Rey, asinan un convenio de colaboración para acometer estas obras
Actuarase nos colexios de Pazos, A Laxe, San Xoán de Filgueira, Almirante Juan de Lángara, Cruceiro de Canido, Ángela Ruiz Robles, de Ponzos, de Esteiro, Isaac Peral e Ledicia
Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2025
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey, asinaron hoxe un convenio de colaboración para renovar as instalacións deportivas de dez colexios do concello. O investimento total para estas obras ascende a 1M€, dos que o departamento educativo do Goberno galego achega 500.000€. O importe restante asúmeo o Concello de Ferrol que, ademais, será o encargado de licitar, contratar e executar as obras, que se desenvolverán ao longo deste ano.
O obxectivo final do acordo, tal e como sinalaron ambos, é promover a práctica deportiva entre os máis novos como ferramenta para educar en valores e de fomento de hábitos saudables. Neste sentido, cómpre salientar a utilidade do deporte como mecanismo de socialización, cohesión e inclusión social, fomentando o esforzo persoal, o traballo en equipo, a cooperación, a solidariedade, a tolerancia ou respecto ao adversario, entre outros.
En concreto, renovaranse espazos destinados á práctica deportiva nos colexios CEIP de Pazos-Mestre García Niebla, Plurilingüe A Laxe, Plurilingüe San Xoán de Filgueira, Plurilingüe Almirante Juan de Lángara y Huarte, Cruceiro de Canido, Plurilingüe Ángela Ruiz Robles, Plurilingüe de Ponzos, de Esteiro, Isaac Peral e Ledicia.
As obras axustaranse ás necesidades particulares de cada un dos centros e abranguerán traballos como a substitución das fiestras, reparación das fachadas, cambio de luminarias, melloras no pavimento, tarefas de pintado, renovación de canos e baixantes ou arranxo de peches, entre outros.
10M€ de investimento nos centros ferroláns
Estas intervencións forman parte do Plan de nova arquitectura pedagóxica, a folla de ruta coa que a Xunta está a modernizar os centros educativos galegos, dotándoos de instalacións máis eficientes desde o punto de vista enerxética e espazos máis flexibles e versátiles.
Esta planificación contempla un investimento de 10M€ nunha vintena de actuacións en centros ferroláns entre as que destacan rehabilitacións integrais como as do Colexio CEIP Almirante Juan de Lángara y Huarte (1,4M€) ou do Instituto IES de Catabois (800.000€).