María José Gómez salienta o papel das axudas para proxectos empresariais non agrícolas á hora de dinamizar o tecido socioeconómico do rural

A conselleira do Medio Rural visitou a imprenta de Aída Marcos Arias en Bustelo de Fisteus, no concello lucense de Quiroga, que foi beneficiaria destas achegas para rehabilitar e acondicionar o inmoble no que se sitúa o seu negocio

Ademais, lembrou que a convocatoria 2025 destas axudas, dotada con 1,7 millóns de euros e dirixida a pequenas empresas situadas no rural e persoas físicas que residan nesas contornas, ten o prazo de solicitude aberto ata o 28 de febreiro

Destacou tamén que este tipo de iniciativas contribúen a crear emprego, a consolidar os postos de traballo xa existentes e a impulsar a economía dos territorios nos que desenvolven a súa actividade

Quiroga (Lugo), 7 de febreiro de 2025

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, salientou hoxe o papel das axudas para proxectos empresariais non agrícolas na súa visita á imprenta de Aída Marcos Arias en Bustelo de Fisteus, no concello lucense de Quiroga, que foi beneficiaria destas achegas. Deste xeito, puxo en valor este tipo de accións que contribúen a dinamizar o tecido socioeconómico do rural galego.

Neste sentido, a titular de Medio Rural destacou esta iniciativa e a súa aposta polo emprendemento no rural, xa que trasladou o seu negocio dende Vigo ata esta zona de Quiroga, na que naceu. Por iso, María José Gómez cualificou este proxecto como “exemplo” de dinamización neste tipo de contornas.

Ademais, a conselleira aproveitou a ocasión para lembrar que a convocatoria de 2025 das axudas para proxectos empresariais non agrícolas, xestionadas a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, ten o prazo de solicitude aberto ata o vindeiro 28 de febreiro. Esta liña de apoio, dotada con 1,7 millóns de euros, está dirixida a pequenas empresas situadas nas zonas rurais e a persoas físicas que residan nestas contornas.

A través destas achegas favorécese o financiamento da adquisición de bens de equipo, o que permite a ampliación e modernización do sector produtivo no rural. Por iso, destacou a conselleira do Medio Rural, estas axudas contribúen ao desenvolvemento de actividades en diferentes ámbitos non agrícolas que reforzan o tecido socioeconómico destas zonas ao mellorar a súa competitividade, a creación de novos postos de traballo ou a consolidación dos existentes e o impulso da economía destes territorios.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/02/2025