Diego Calvo reúnese coa veciñanza de Vigo tras presentar as alegacións ao Concello pola suspensión da licenza de obra do novo centro de asociacionismo
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes lamentou que o Concello decidise o mes pasado suspender o permiso meses despois de concedela ata aclarar a titularidade do inmoble
Sinalou que os veciños e veciñas serán os principais afectados do posible retraso da rehabilitación do edificio dos antigos xulgados pola decisión do Concello de bloquear e paralizar “un investimento da Xunta tan importante e demandando para a cidade”
Vigo, 10 de novembro de 2025
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado da delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, reuniuse esta tarde con representantes das entidades interesadas en dispoñer de sede no futuro Centro de Asociacionismo. No encontro, explicoulles que a Xunta vén de presentar “en tempo e forma” as alegacións ante o intento do Concello de Vigo de bloquear a rehabilitación integral que o Goberno galego está a tramitar no edificio dos antigos xulgados da rúa Lalín. O consistorio decidiu suspender a licenza de obra o mes pasado, meses despois de concedela, ata aclarar a súa titularidade.
Con esta obra, na que a Xunta prevé un investimento duns 20 millóns de euros, poríase o inmoble á disposición da cidadanía nun espazo con capacidade para acoller a máis dun cento de asociacións, o que permitiría dar unha nova vida a un edificio de gran valor patrimonial con novos usos.
Na reunión de hoxe, o conselleiro incidiu en que a Xunta agarda que o Concello acepte as alegacións e rectifique para que se poida retomar o proxecto, xa que “os veciños e veciñas que reclamaban esta reforma serían os máis afectados polos posibles retrasos derivados desta situación”. Nesta liña, lamentou que o Concello paralice “un investimento do Goberno galego na cidade tan importante e tan demandado”.
Entre as alegacións presentadas sinalase a inexistencia da causa da suspensión da licenza porque non se cumpre ningún dos supostos nos que estaría permitido como é o caso dunha modificación do plan xeral de ordenación municipal ou se a actuación supuxese unha infracción urbanística que obrigase a esta decisión.
Ademais, alégase que, ao amparo da Lei do Solo, o Concello estaría a empregar unha competencia pública como é a concesión dunha licenza urbanística para defender unha cuestión que corresponde ao dereito privado -en concreto á xurisdición civil- relacionada coa determinación da propiedade do inmoble. A Xunta engade que esta mesma normativa aclara que, en todo caso, a concesión de licenzas é independente e non tería que verse afectada pola titularidade dos inmobles.
De todas formas, a Administración autonómica lembra que a titularidade tanto da parcela como do inmoble corresponde á Xunta, posto que se entregou en propiedade por parte do Goberno central á Comunidade en 1994. Segundo alega a Xunta, a Lei de Patrimonio establece que se un ben leva en propiedade da Administración autonómica máis de 10 anos pasa a formar parte do seu patrimonio.
Así, Diego Calvo lamentou que tras a concesión da licenza municipal en novembro do pasado ano, o Concello non puxese ningún impedimento ata presentar hai unhas semanas un escrito no Rexistro da Propiedade comunicando que é o titular da parcela, motivo polo que suspende a autorización. Polo tanto, destaca que o Concello actuou “de mala fe”, mentres que, polo contrario, o Goberno galego “actuou sempre de boa fe coa seguridade da titularidade autonómica como se demostra co pago do IBI todos estes anos”.
A Xunta tamén advirte nas súas alegacións que, tendo en conta que xa se licitaron as obras o pasado agosto e se adxudicou o contrato en novembro por uns 20 millóns de euros, estudaríase a reclamación dos danos polo retraso na execución do centro.
Centro de Asociacionismo de Vigo
O proxecto do Centro de Asociacionismo de Vigo, do que resultou gañador no concurso de ideas o arquitecto Alfonso Penela, supón unha rehabilitación integral do antigo edificio dos xulgados na rúa Lalín, financiada a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder Galicia 2021-2027) para a posta a disposición das entidades sociais da cidade para a súa ocupación temporal.
Entre outras actuacións, prevense melloras na envolvente térmica da fachada, no sistema de climatización, na iluminación, na cuberta ou no abastecemento. Tamén se facilitará a accesibilidade e a integración na contorna mediante a retirada do aparcamento exterior e a rebaixa do terreo para que quede en continuidade coa planta baixa.
As entidades disporán dunha superficie de case 13.000 metros cadrados distribuídos en seis plantas, unha entreplanta, un baixo e dúas plantas de soto. O baixo será multifuncional, cunha sala de exposicións, cafetería, sala de lactancia, hemeroteca e un auditorio con cabida para 400 persoas. As oficinas xerais ocuparán a entreplanta e, en cada un dos cinco primeiros andares, distribuiranse 20 estancias para asociacións e entidades sociais, unha sala polivalente, outra de reunións e unha máis de ensaio. A sexta planta, unida á anterior, configúrase como zona de office-cafetería, con terrazas axardinadas no exterior. Por último, os sotos destinaranse a aparcadoiro, arquivo e cuartos de instalacións.