A Xunta inviste máis de 117.000 euros no ensanche e pavimentación dunha vía do lugar de Veiguiña do Medio, en Cerdedo-Cotobade

O delegado territorial visitou os resultados das obras levadas a cabo grazas ao Plan Marco 2024-2025 e lembrou as actuacións que foron posibles grazas á convocatoria do 2023-2024

O Plan Marco deste ano deixou na área de influencia do concello de Pontevedra máis de 510.000 euros

A convocatoria deste ano conta cun orzamento de máis de 3,2 millóns para o total da provincia de Pontevedra

Cerdedo-Cotobade, 12 de febreiro de 2025

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá, acompañado polo alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, o resultado das obras de ensanche e pavimentación no lugar de Veiguiña do Medio, na parroquia de Santa María de Sacos.

As obras, que foron posibles grazas ao Plan Marco 2024-2025 da Consellería de Medio Rural e contaron cun orzamento de máis de 117.000 euros, permitiron mellorar a seguridade viaria e a comodidade dos veciños e veciñas da zona.

O delegado territorial aproveitou a visita para lembrar a actuación que se levou a cabo neste concello grazas ao Plan Marco 2023-2024 e que, cun orzamento similar ao deste ano, permitiu mellorar os accesos no vial Viascon-Parada de Tenorio, en Atalia e en Batán.

Cabe destacar que o Plan Marco 2024-2025 deixará na área de influencia de Pontevedra máis de 510.000 euros en investimentos que permitirán, ademais das obras citadas, mellorar viais municipais en Paradela e Barallo (Xende), no concello da Lama; a pavimentación dun camiño en Chan de Piñeiro e outro en Cabo Udra, en Bueu; a pavimentación do camiño de Caneda en Morillas, de Leiro en Couso, en Campo Lameiro; a mellora do camiño de Luciñas ás Cernadas, en Vilaboa; a mellora e mantemento da estrada de acceso a Pastoriza, en Marín; a mellora do firme na travesía San Xoan e camiño Liñares, en Poio; e a mellora da drenaxe e o firme do camiño de Regodobargo, en Ponte-Caldelas. 

Reguera destacou a importancia destas axudas que “permiten actuar nos accesos das zonas máis rurais e que supoñen un aliciente para que os concellos de toda Galicia melloren e reparen vías secundarias, pero que son imprescindibles para manter a conectividade de toda a poboación”.

O Plan Marco 2024-2025 conta cun orzamento para a provincia de Pontevedra de máis de 3,2 millóns de euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/02/2025