A delegada territorial de Ferrol visitou esta mañá o parque infantil das Viñas en Cabanas xunto ao alcalde da localidade
Martina Aneiros anima aos concellos das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal a solicitar os apoios da Xunta para a mellora de infraestruturas municipais
Esta orde de axudas da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes está dirixida a concellos de menos de 30.000 habitantes e poden cubrir ata o 80% do orzamento total da actuación
O prazo de presentación de solicitudes remata o próximo 28 de febreiro
Cabanas (A Coruña), 13 de febreiro de 2025
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do alcalde de Cabanas, Fernando Couce, supervisou esta mañá o resultado das obras de mellora e ampliación do parque infantil das Viñas que contaron cun apoio autonómico de preto de 27.500 euros a través da orde de infraestruturas de uso público.
Con motivo da visita, Aneiros aproveitou para lembrar que ata o 28 de febreiro está aberta a nova convocatoria destas axudas da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes destinada a municipios de menos de 30.000 habitantes e coas que o Goberno galego “busca garantir o equilibrio territorial e unhas óptimas condicións de vida para todos os galegos, independentemente do seu lugar de residencia”, dixo.
A convocatoria de axudas para infraestruturas de uso público contan este ano cun orzamento de 3,5 M€ e a contía das axudas pode cubrir ata o 80% do gasto subvencionable en infraestruturas, instalacións e equipamento vinculados á prestación de servizos municipais.
Segundo explicou Aneiros, serán subvencionables actuacións nas redes de alumeado público, a pavimentación de camiños públicos municipais e as obras en prazas, parques, paseos e rúas. Tamén se poderá sufragar a creación ou rehabilitación de edificios ou dependencias municipais destinadas á prestación de servizos municipais, así como a mellora da accesibilidade ou a dotación de equipamento destes edificios ou dependencias.
A representante da Xunta recordou que o pasado ano esta medida beneficiou a 107 municipios galegos, catro deles -Cabanas, Cerdido, Ares e Valdoviño- da área territorial de Ferrol que percibiron algo máis de 133.500 euros en axudas.