Mondariz-Balneario recibe 45.000 euros para minimizar as perdas de auga no concello
Esta liña de axudas deixou na provincia de Pontevedra máis de 400.000 euros e beneficiou a 11 concellos
Mondariz-Balneario aproveitou a subvención para instalar un cano de alta densidade que permitirá mellorar a eficiencia do seu sistema de tubaxes
Mondariz-Balneario, 17 de febreiro de 2025
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o concello de Mondariz-Balneario, que foi un dos beneficiados da liña de axudas para a execución de obras a fin de minimizar as perdas de auga en entidades locais.
Neste sentido, o concello recibiu unha achega de 45.000 euros que permitiron instalar un moderno cano de alta densidade que mellorará a eficiencia do sistema de tubaxes, con especial atención aos tramos máis afectados polas perdas de auga.
O delegado territorial aproveitou para lembrar a importancia de “traballar de forma conxunta entre todas as institucións para conseguir uns concellos máis sostibles e que aproveiten mellor os seus recursos hídricos”.
Cabe destacar que estas axudas beneficiaron a un total de 11 concellos da provincia de Pontevedra por valor de máis de 400.000 euros. Na comarca do Condado-Paradanta tamén se beneficiou desta axuda o concello da Cañiza, que recibiu unha achega de máis de 32.000 euros.