A Xunta amplía as aulas de infantil e a zona cuberta do patio do Colexio Frei Luis de Granada, en Sarria
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, sinalou que se destinaron 51.700 euros a optimizar espazos no centro educativo
Sarria (Lugo), 19 de febreiro de 2025
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, comprobou hoxe o resultado das últimas obras realizadas no CEIP Frei Luis de Granada, en Sarria, que serviron para ampliar as aulas de Educación Infantil e a zona cuberta do patio, entre outras melloras.
A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional destinou 51.700 euros a estas actuacións para “proporcionar maior comodidade aos nenos e nenas na clase e favorecer o uso do patio mesmo en días de choiva”, afirmou Arias. Así mesmo, incluíronse outros traballos como pequenas reformas na área de administración.
Arias lembrou que o Goberno galego acometeu tamén a rehabilitación integral do centro para reforzar a súa estrutura e mellorar a eficiencia enerxética. Investíronse máis de 1,6 millóns de euros en renovar as instalacións e conseguir un aforro de enerxía do 15% ao abeiro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica da Consellería.
O delegado destacou o éxito deste plan, iniciado en 2021 co fin de adaptar os centros educativos ás novas necesidades do ensino público, e que prevé executar preto de 200 intervencións no período 2025-2028 cun orzamento inicial de máis de 210 millóns de euros.