A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto ao delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, presentou hoxe esta actuación
A Xunta completará a humanización da travesía de Albarellos en Monterrei, cun investimento de máis de 1,5 M€
Allegue avanzou que no vindeiro mes se licitarán estas obras para poder comezalas no verán e telas á disposición da veciñanza a mediados do próximo ano
A intervención inclúe a construción de dous treitos de senda peonil, dando continuidade ao tramo habilitado en 2021 e acadando un itinerario continuo de máis de 1,1 km
Subliñou o obxectivo de incrementar a seguridade nos desprazamentos a pé dos veciños e dos peregrinos, xa que esta zona coincide coa Vía da Prata do Camiño de Santiago
Remarcou que tamén se humanizará toda a contorna, pois colocaranse novos puntos de luz, plantaranse árbores como carballos e sobreiras e disporanse bancos
Monterrei (Ourense), 20 de febreiro de 2025
A Xunta completará a humanización da travesía de Albarellos, en Monterrei, cun investimento de máis de 1,5M€.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto ao delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, presentou hoxe esta actuación.
Avanzou que no vindeiro mes se licitarán estas obras para poder comezalas neste mesmo verán. Neste sentido, a Xunta prevé que a mediados do próximo ano estea á disposición da veciñanza esta contorna transformada.
A intervención inclúe a construción de dous treitos de senda peonil nesta travesía da estrada OU-143, dando así continuidade ao tramo xa habilitado no ano 2021.
Trátase de acadar un itinerario continuo, accesible e máis seguro, ata sumar algo máis de 1,1 quilómetros de lonxitude.
Allegue subliñou o obxectivo de incrementar a seguridade nos desprazamentos a pé dos veciños e tamén dos peregrinos, xa que esta zona coincide co paso da Vía da Prata do Camiño de Santiago.
Tamén se acondicionará o firme nesta vía e tras a execución das obras, tramitarase o cambio de titularidade da estrada en favor do Concello.
A conselleira remarcou que este proxecto tamén contempla a humanización da contorna, pois colocaranse novos puntos de luz, plantaranse árbores como carballos e sobreiras e disporanse bancos.
Concluíu que esta actuación integral dará como resultados un percorrido seguro e sostible para os viandantes e unha área cunha estética renovada e amable, para o desfrute dos veciños e dos visitantes.