A Xunta somete a información pública o proxecto para construír unha senda peonil na PO-400 nas Neves, cun investimento de máis de 573.000 €
O DOG publica hoxe este anuncio, establecendo 30 días hábiles contados a partir de mañá para presentar alegacións
Trátase de levar a cabo un novo itinerario no tramo da PO-400 entre os puntos quilométricos 8+770 e 9+950 que facilitará a circulación segura dos peóns
Nos treitos inicial e final actuarase en ambas marxes da vía para dar servizo ás vivendas dos dous lados, e no resto do percorrido, a senda irá pola marxe dereita
O obxectivo da Xunta e ter aprobado o proxecto en outono para poder licitar as obras despois
Esta actuación forma parte da 2ª fase do Plan de Sendas de Galicia, que prevé executar máis de 120 quilómetros de itinerarios nas vías da Xunta, cun orzamento de 69,7M€
Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2025
A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o anuncio polo que se somete a información pública o proxecto para construír unha senda peonil na estrada PO-400, no concello das Neves, cun investimento estimado de máis de 573.000€.
O prazo para presentar alegacións a este proxecto será de 30 días hábiles contados a partir de mañá.
Trátase da execución dun novo itinerario peonil no tramo da PO-400 comprendido entre os puntos quilométricos 8+770 e 9+950, que comunica O Castro e As Neves.
O obxectivo é permitir unha circulación segura dos peóns, quedando tamén incluídas neste ámbito as paradas de transporte existentes.
Nos treitos inicial e final, coincidentes coas zonas cunha concentración maior de poboación, actuarase en ambas marxes para dar servizo ás vivendas dos dous lados, recollendo aos peóns que acoden a elas. No resto do percorrido, a senda discorrerá pola marxe dereita da estrada.
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas ten como obxectivo poder aprobar o proxecto no outono para a finais de ano poder realizar a convocatoria de levantamento de actas previas das expropiacións e licitar as obras despois.
Neste enlace ao DOG pódese ampliar a información relativa a este anuncio, que tamén inclúe a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referido.
2ª fase plan de Sendas de Galicia
Esta intervención forma parte da 2ª fase do Plan de Sendas de Galicia, aprobado polo Consello da Xunta no pasado mes de decembro e que inclúe a execución de máis de 120 quilómetros de itinerarios nas estradas autonómicas ata o vindeiro ano 2027, cun orzamento de 69,7M€.
A Xunta dálle así continuidade á 1ª fase do Plan, que xa permitiu acometer case 300 quilómetros de novas sendas e beirarrúas cun investimento de preto de 144 M€, e que foi recentemente distinguido nos premios europeos á excelencia na seguridade viaria 2024, impulsados pola European Road Safety Charter (ERSC).