A Xunta reafirma o compromiso estratéxico co novo talento feminino como motor de innovación e progreso económico
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, acompañado da directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, clausuraron a presentación do programa ‘Executivas Junior’
Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2025
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, xunto coa directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, clausuraron esta mañá o acto de presentación do programa Executivas Junior unha iniciativa organizada pola asociación Executivas de Galicia co obxectivo de ofrecer apoio e acompañamento de profesionais expertas a mulleres novas que inicien a súa andadura profesional e teñan iniciativa emprendedora.
Pablo Fernández destacou o valor deste programa que tende unha ponte entre o mundo académico e profesional apoiándose na rede de talento de mulleres profesionais de diferentes sectores e actividades. Neste senso, remarcou o compromiso do executivo galego tanto co impulso do emprego e do emprendemento feminino como co propio talento mozo —ao abeiro do que este ano se lanzará a Estratexia Mocidade Activa, que contará cun orzamento de 20M€ só por parte da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración—. En paralelo, lembrou que a Xunta pon a disposición das persoas emprendedoras a Rede de polos de emprendemento, con 15 oficinas activas actualmente e nsa que arredor do 60 % dos proxectos atendidos ata están impulsados por mulleres.
Ademais, o Goberno autonómico promove diferentes iniciativas para potenciar a presenza da muller e da mocidade no mercado laboral. Entre elas destaca o programa Primeira Experiencia Profesional ou o Galicia Emprega (20M€), con liñas específicas para ambos colectivos e que destina tamén 1,7M€ para impulsar especificamente a presenza de mulleres en sectores tradicionalmente masculinizados.