A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, participou hoxe na Asemblea Xeral Anual do Clúster da Función Loxística de Galicia
Lorenzana resalta as oportunidades loxísticas de Galicia e confía en que o anteproxecto do plan director para o sector estea listo de cara ao verán
Apunta que se trata dun dos nove plans previstos xunto co da automoción e o naval, que son os que están xa máis avanzados á espera da súa aprobación definitiva por parte do Consello da Xunta
Son sectores que, en total, abranguen o 85 % de todo o emprego industrial de Galicia
Destaca que o que se busca é afondar aínda máis nun sistema loxístico competitivo que dea resposta aos retos derivados da nova configuración das cadeas de subministración, dos procesos globais de relocalización industrial, ao cambio tecnolóxico e ás novas tendencias do comercio electrónico
Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2025
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, adiantou hoxe na Asemblea Xeral Anual do Clúster da Función Loxística de Galicia que o anteproxecto do plan director que a Xunta prepara para o sector poderá estar listo de cara ao verán.
Lorenzana apuntou que se trata dun dos nove plans previstos xunto co da automoción e o naval (que son os que están xa máis avanzados á espera da súa aprobación definitiva por parte do Consello da Xunta); o da industria metalmecánica, o sector TIC, o forestal-madeira; e, tamén, o téxtil, a construción e a industria alimentaria, que acaban de ser declarados sectores estratéxicos para poder comezar a elaboración do seu respectivo plan.
Son sectores que, en total, dixo, abranguen o 85 % de todo o emprego industrial de Galicia, e dispoñer deste documento vai permitir identificar novos obxectivos, necesidades, retos ou dificultades sobre os que poder logo definir as políticas públicas de apoio que a Xunta quere implementar nos vindeiros anos co obxectivo posto en aumentar o peso da industria no PIB ata o 20 por cento.
Segundo apuntou, a función loxística representa o 12,5 % do PIB de Galicia, xera máis de 133.000 empregos directos e 125.000 indirectos e abrangue máis de 7.900 empresas, cunha facturación superior aos 6.500 M€.
Logo de que o Instituto Económico de Galicia (Igape) aprobase en 2019 a Estratexia Integral de Optimización Loxística, agora co plan director, indicou, o que se busca é afondar aínda máis nun sistema loxístico competitivo que dea resposta aos retos derivados da nova configuración das cadeas de subministración, dos procesos globais de relocalización industrial, ao cambio tecnolóxico e ás novas tendencias de consumo do comercio electrónico.
Galicia ten a favor, dixo, a maior rede de portos de España, con 127 terminais; capacidade de carga e almacenamento e conexións marítimas coas principais áreas económicas a nivel internacional. Tamén as novas oportunidades que veñen da man da eólica offshore, os combustibles verdes, etc. E, fundamentalmente, lembrou que a economía galega ten unha propensión exportadora consolidada, como demostran os datos do pasado ano, cando volveu marcar un novo récord por riba dos 31.000 M€.