A Xunta convoca en marzo e maio os actos expropiatorios para a construción do segundo treito da autovía AG-59, entre Pontevea e O Rollo

O acto para o levantamento das actas previas á ocupación levarase a cabo no Teatro Principal da Estrada os vindeiros 24, 25, 26 e 27 de marzo; e a formalización será os días 26, 27, 28 e 29 de maio, no mesmo lugar

Esta actuación, á que a Xunta destinará un investimento de 32,3M€, culminará a autovía AG-59

Unha vez rematada a prolongación da AG-59, os tempos da viaxe entre Santiago e A Estrada reduciranse a 10 minutos, ademais de mellorar a seguridade viaria na zona

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2025

A Xunta convoca para marzo e maio os actos expropiatorios para a construción do segundo treito de prolongación da autovía libre de peaxe Santiago-A Estrada, entre Pontevea (AC-241) e O Rollo (enlace PO-841).

No seguinte enlace ao Diario Oficial de Galicia (DOG) pódese ampliar a información: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250227/AnuncioG0181-180225-0001_gl.html

Esta actuación, á que a Xunta destinará un investimento de 32,3M€, culminará a autovía AG-59.

O acto para o levantamento das actas previas á ocupación levarase a cabo no Teatro Principal da Estrada os vindeiros 24, 25, 26 e 27 de marzo, das 9 ás 18 horas. A formalización das actas de ocupación terá lugar os días 26, 27, 28 e 29 de maio, no mesmo lugar e horario.

Cómpre lembrar que esta semana tamén se veñen de convocar os actos expropiatorios para o Concello de Teo.  O acto para o levantamento de actas previas terán lugar os días 17 e 18 de marzo e a formalización das actas de ocupación o 28 de maio no salón de plenos do Concello de Teo

Trátase do proxecto que prolongará a AG-59 desde o enlace coa AC-241 -que está actualmente en execución entre A Ramallosa e Pontevea, no concello de Teo-; ata o enlace coa estrada PO-841, no Rollo, xa no concello da Estrada. A Xunta prevé licitar as obras neste ano, cun prazo de execución de 36 meses.

Ao tempo que se avanza nas obras do treito de 3,5 quilómetros da prolongación da AG-59, iniciadas a finais de outubro de 2023 e nas que está a investirse máis de 33M€, impúlsase este novo treito de 4 quilómetros de lonxitude.

Unha vez rematada a prolongación do actual tramo da AG-59, os tempos da viaxe entre Santiago de Compostela e A Estrada se reducirán a 10 minutos, ademais de mellorar a seguridade viaria, tras un investimento global de máis de 67 millóns de euros.

Data de actualización: 27/02/2025