A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, e o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, supervisaron hoxe as obras do centro, no que a Administración autonómica inviste 14,8M€

A Xunta avanza na construción do CIS Olimpia Valencia de Vigo, que estará rematado despois do verán

Os titulares de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e Sanidade destacaron que está executado un 60% da obra, consistente na rehabilitación do antigo edificio da Audiencia Provincial, na rúa Lalín de Vigo, para adecualo a Centro Integral de Saúde

Allegue subliñou que a reforma permitirá dotar Vigo dun moderno centro sanitario adaptado ás necesidades de profesionais sanitarios e usuarios, cunha actuación na que priman a sostibilidade e a eficiencia enerxética

O CIS Olimpia Valencia contará con diversas áreas de medicina de familia, pediatría, enfermería, atención á muller, telemedicina, imaxe médica, cirurxía menor, ecografía e traballo social

O centro incorporará novas prestacións sanitarias, como é o caso dos servizos de Fisioterapia, Farmacia e Saúde Bucodental

Gómez Caamaño destaca a aposta da Xunta pola Sanidade na área de Vigo, na que inviste máis de 1.000 millóns de euros durante o ano 2025

Vigo, 28 de febreiro de 2025

A Xunta avanza nas obras do novo Centro Integral de Saúde (CIS) Olimpia Valencia de Vigo, cuxa construción prevé rematar despois do verán. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, e o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, visitaron hoxe xunto á delegada territorial da Xunta, Ana Ortiz, as obras deste inmoble, nas que a Administración autonómica inviste 14,8M€.

Na actualidade, está executado un 60% da obra, consistente na rehabilitación do antigo edificio da Audiencia Provincial, na rúa Lalín de Vigo, para adecualo a Centro Integral de Saúde.

A conselleira M. Allegue subliñou que a reforma, que a Consellería executa como encomenda do Servizo Galego de Saúde “no marco do noso compromiso coa saúde pública”, permitirá dotar Vigo dun moderno centro adaptado ás necesidades, tanto dos profesionais sanitarios como dos usuarios, cunha actuación na que priman aspectos como a sostibilidade, a eficiencia enerxética ou a entrada de luz natural. “En definitiva, un edificio moderno e eficiente e un edificio que facilitará a mellor asistencia sanitaria á veciñanza de Vigo”. Destacou tamén o feito de que se dedicará a unha muller pioneira da medicina, Olimpia Valencia.

A fachada acristalada do inmoble xa está practicamente rematada, e permitirá ao persoal e usuarios do centro contemplar a panorámica da cidade e da ría. Ademais, o edificio vai dispor dunha segunda pel, concibida como protección solar, que se comporá dun total de 17.500 metros lineais de lamas de aluminio.

No interior está feita a tabiquería e nestes momentos estase cos revestimentos, mentres que no que se refire ás instalacións, xa están colocados os elementos principais da climatización e trabállase nas canalizacións e condutos interiores e coas máquinas que van en consultas.

Pola súa banda, o conselleiro de Sanidade destacou que este centro sanitario é un exemplo máis do novo modelo de atención primaria que está a impulsar o Goberno galego. Un modelo de atención integral na que nun mesmo espazo agrupa a atención sanitaria ordinaria, a atención urxente e diferentes servizos de carácter especializado.

O responsable da carteira sanitaria da Xunta explicou que, xunto cos servizos de medicina de familia, pediatría, enfermería, atención á muller, telemedicina,  imaxe médica, cirurxía menor, ecografía e traballo social  o CIS Olimpia Valencia incluirá novas prestacións asistenciais, entre as que destacan os servizos de Fisioterapia, de Farmacia e de Saúde Bucodental. Así mesmo, a nova infraestrutura sanitaria contará cunha base para o 061.

"O CIS Olimpia Valencia será un centro á vangarda que ofrecerá unha asistencia sanitaria coas mellores condicións de accesibilidade e equipamento", salientou Gómez Caamaño, ao tempo que lembrou a importante aposta da Xunta pola Sanidade da área sanitaria de Vigo, e na que se están a investir máis de 1.000 millóns de euros durante o presente ano.

A visita desta mañá contou tamén coa presenza do xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada; da directora xeral de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde, Amparo Pousada; e do xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente Prieto.

Edificio sostible

A reforma do inmoble prima a eficiencia enerxética. Así, o centro contará con dobres acristalamentos, tecnoloxía LED e un sistema de climatización de alta eficiencia. As cubertas contarán con pantallas acústicas para a atenuación do son. Ademais, o edificio contará coa instalación dun sistema de ventilación e protección fronte ao radón. Por outra banda, dotarase á contorna do inmoble dun tratamento axardinado para favorecer a paisaxe urbana.

Cando finalice a súa construción,  a actuación do edificio contará cun Certificado Green Building, para o que se tiveron en conta todos os traballos previos de demolición e tratamento de residuos xerados, a eficiencia enerxética e a sostibilidade no deseño, os materiais e os procesos construtivos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/02/2025