Belén do Campo anuncia un investimento de 30.000 € na praia da Ribeira de Miño dentro das axudas para preservar e mellorar a reserva da biosfera as mariñas coruñesas
A representante do Goberno autonómico destacou que estas axudas van dirixidas a financiar actuacións, estudos e investimentos por parte de concellos localizados nalgunha das sete reservas da biosfera existentes en Galicia e que teñan como obxectivo común avanzar na conservación, recuperación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural destes espazos
Na visita a delegada tamén visitou outras dúas actuacións realizadas con outras dúas axudas anteriores da Xunta da orde para preservar e mellorar as zonas de Rede Natura para poñer en valor outros dous tramos desta Senda dos Sentidos, que tamén forma parte da rede Sendeiros Azuis
Miño (A Coruña), 3 de marzo de 2025
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada pola directora territorial da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, Pilar Arias, visitou a zona na que o Concello de Miño levará a cabo a recuperación dunha parte da Senda dos Sentidos, concretamente cun proxecto de mellora ambiental e paisaxística na praia da Ribeira que se executará este ano, grazas a unha axuda da Xunta de 30.000 euros dentro da orde de conservación, recuperación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural e á sensibilización ecolóxica na rede de reservas de biosfera de Galicia.
A actuación prevista este ano, que abarca 1 quilómetro de extensión, ten como obxectivo a rehabilitación e mellora da contorna natural na zona sur da praia da Ribeira, abordando problemáticas como a presenza de especies exóticas invasoras, un uso indebido do espazo e o impacto visual de infraestruturas. A través de accións de limpeza, rexeneración ambiental e medidas correctoras, búscase transformar este espazo degradado nunha área natural revitalizada e sostible, promovendo a conservación da biodiversidade e a compatibilidade co uso público. A proposta aspira a crear unha borde costeiro máis resiliente e atractivo, en harmonía coa súa contorna natural e cultural.
A intervención centrarase na limpeza do ámbito, tratamento de canalización de auga, ocultación de tubo de saída da EDAR, retirada de especies exóticas invasoras, rexeneración ambiental do noiro, plantación de especies autóctonas para recuperación da vexetación característica, construción de murete de mampostería seca co obxectivo de delimitar e protexer a vexetación autóctona da área intervida, montaxe dun elemento de madeira disuasorio para protexer a cobertura vexetal e finalmente instalación de sinalizacións relativas á vida silvestre neste espazo natural.
Belén do Campo destacou que estes apoios do Goberno galego, que ascenden a 1,8 millóns de euros, son para preservar as reservas das biosferas galegas e van dirixidos a financiar actuacións, estudos e investimentos por parte de concellos localizados nalgunha das sete reservas da biosfera existentes en Galicia e que teñan como obxectivo común avanzar na conservación, recuperación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural destes espazos.
De carácter bianual e cofinanciadas pola UE a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), o importe máximo destas subvencións é de 30.000 euros e con elas, as entidades locais poden cubrir o 100% do custo subvencionable.
No ámbito da área da Reserva da Biosfera As Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo a delegada informou, que foron beneficiados desta orde ademais de Miño os concellos de Carral, Oleiros, Paderne, Arteixo, Bergondo e Oza-Cesuras por un importe global de case 165.000 euros.
Neste sentido, Belén do Campo salientou que todas as actuacións que resultaron beneficiarias na convocatoria teñen o obxectivo común de contribuír a deter e reverter a perda de biodiversidade, potenciar os servizos ecosistémicos e conservar os hábitats e as paisaxes propios destas zonas, que destacan polos seus elevados valores naturais e polo seu desenvolvemento en harmonía coas poboacións asentadas nelas.
Segundo explicou, as actuacións subvencionables agrúpanse en catro grandes liñas de actuación: conservación, restauración e mellora da biodiversidade, especialmente dos hábitats, especies ou ecosistemas naturais, así como aquelas que teñan un impacto favorable na mitigación ou adaptación ao cambio climático; mellora da conectividade ecolóxica de especies de flora e fauna; recuperación de elementos históricos, patrimoniais ou culturais representativos ou precisos para o mantemento da paisaxe agraria, cultural ou etnográfica tradicional; e creación e mellora de infraestruturas de xestión e ordenación de usos recreativos.
Senda dos sentidos
Na visita a delegada tamén visitou outras dúas actuacións realizadas con outras dúas axudas da Xunta, executadas con anterioridade da orde para preservar e mellorar as zonas de Rede Natura para poñer en valor outros dous tramos desta Senda dos Sentidos, que tamén forma parte da rede Sendeiros Azuis.
A actuación levada a cabo, cunha axuda de 20.000 euros, contemplou a actuación a recuperación do trazado da senda existente ao longo do bordo costeiro que discorre entre a Praia da Ribeira e a Ponte do Porco, así como a mellora das condicións ecolóxicas, ambientais e paisaxísticas deste bordo de transición entre o ecosistema fluvial e costeiro na desembocadura do río Lambre na ría de Betanzos. Préstouse especial atención á restauración e conservación do ecosistema natural do bordo fluvial/costeiro, á eliminación de especies exóticas invasoras e á restauración da vexetación característica, ademais do fomento do coñecemento deste enclave natural para a visita e desfrute por parte da poboación de xeito respectuoso e sen causar un menoscabo das condicións ecolóxicas do mesmo
Cun orzamento global de 2,8 millóns de euros, Belén do Campo explicou que esta é unha convocatoria bianual de axudas está dirixida a concellos incluídos total ou parcialmente na Rede Natura de Galicia, así como a persoas físicas, asociacións sen ánimo de lucro e comunidades de montes veciñais en man común que queiran impulsar proxectos para, por exemplo, a eliminación de especies invasoras, a restauración da vexetación de ribeira ou a recuperación de puntos de auga ou áreas asolagadas.
Ademais, tamén apoia que se leven a cabo actuacións que teñan como obxectivo a mellora da paisaxe agraria en Rede Natura, como a restauración de cercas ou muros de cachotaría e cantería; a adecuación de carreiros rurais; a creación de rutas e áreas recreativas, e a sinalización de camiños e sendas.
En Galicia arredor de 375.000 hectáreas están amparadas baixo esta figura —o 12% do territorio—. Neste sentido, Belén do Campo informou que na comarca da Coruña recibiron subvencións para realizar actuacións nestas zonas, ademais de Carral, os concellos de Miño e Abegondo, por un importe total de case 75.000 euros.