A titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas visitou hoxe as instalación desta empresa, especialista en iluminación pública
A conselleira María M. Allegue pon en valor o potencial de empresas galegas como SETGA en materia de infraestruturas
Allegue subliñou que dotar as estradas dunha iluminación eficiente é fundamental para reforzar a seguridade viaria, protexendo tanto aos condutores como aos peóns
Referiuse a actuacións da Xunta, nas que a iluminación cobrou especial relevancia, como a posta en valor da Ponte Vella de Ourense, o acondicionamento da Avenida da Deputación en Arteixo ou a mellora das entradas dos Camiños de Santiago na cidade de Compostela
O Goberno galego, na súa aposta pola innovación, está a dispoñer sistemas de luces interactivas nos pasos de peóns das vías, para incrementar a percepción dos viandantes
A Xunta traballa a prol de infraestruturas máis seguras, sostibles e humanizadas, destinando nos Orzamentos 68M€ a obras de seguridade e conservación de estradas
Ponte Caldelas (Pontevedra), 4 de marzo de 2025
A conselleira María M. Allegue pon en valor o potencial de empresas galegas como SETGA en materia de infraestruturas.
A titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, xunto co director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, visitou hoxe as instalacións da empresa SETGA, especialista en iluminación pública e con talento galego na súa plantilla.
Subliñou que dotar as estradas dunha iluminación eficiente é fundamental para reforzar a seguridade viaria, protexendo tanto aos condutores como aos peóns. Sinalou que ao mesmo tempo, as luminarias deben ser amables, tratando de evitar a contaminación lumínica e optimizando o aforro enerxético.
Citou intervencións da Xunta nas que o alumeado cobrou especial relevancia, xa que contribuíu á seguridade viaria, pero tamén a realzar a beleza das contornas. Así, referiuse á posta en valor da Ponte Vella de Ourense ou o acondicionamento da Avenida da Deputación no polígono de Sabón, en Arteixo.
Tamén remarcou outro proxecto ambicioso do Goberno galego como foi a mellora e integración paisaxística das entradas dos Camiños de Santiago na cidade de Compostela.
Detallou a recente dotación de iluminación no enlace da autovía do Salnés, en Sanxenxo; ou a regulación semafórica na rúa Progreso, nese mesmo municipio.
Fixo fincapé en que a Xunta, na súa aposta pola innovación, está a dispoñer sistemas de luces interactivas nos pasos de peóns de vías autonómicas, para incrementar a percepción dos viandantes.
Destacou que o Goberno galego segue traballando a prol dunhas infraestruturas máis seguras, sostibles e humanizadas, destinando este ano nos Orzamentos unha partida de 68M€ para garantir a seguridade e a conservación nas estradas.