A Xunta terá unha presenza destacada na Feira Ecolóxica BioCultura desta fin de semana na Coruña
A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, en colaboración co Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), apoiará a presenza neste certame de 27 operadores ecolóxicos da nosa comunidade dentro do seu espazo institucional
Ademais, haberá un aula de cata con presentacións dos produtos, actividades culturais relacionadas coa produción ecolóxica, catas e demostracións de cociña, con ata 13 actividades programadas para os tres días da feira (de venres a domingo)
Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2025
A Xunta, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, adscrita á Consellería do Medio Rural, terá unha presenza destacada na 6ª edición de BioCultura, a feira de ecoturismo e produtos ecolóxicos que se celebrará esta fin de semana na Coruña, entre o venres 7 e o domingo 9 de marzo.
A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, en colaboración co Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), apoia a presenza dun total de 27 operadores ecolóxicos da nosa comunidade no espazo institucional do Goberno galego. Nel amosarán a súa oferta de produtos lácteos, da horta, cárnicos, repostería, conservas, cervexas, viños e licores, entre outros, dentro do proxecto marco de feiras de Experiencias de Calidade da devandita Axencia.
O posto da Xunta terá un atractivo deseño realizado en madeira, evocador dunha cesta que contén os produtos en exposición. Ademais da presencia dos expositores, haberá un aula de cata onde se farán as presentacións dos produtos, actividades culturais relacionadas coa produción ecolóxica, catas e demostracións de cociña.
Así, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria programou ao longo dos tres días da feira ata 13 actividades, que abranguen desde o “mar ecolóxico” -cunha maridaxe de algas e sidra, entre outros produtos-, ata os lácteos ecolóxicos, pasando por carnes de vacún das razas autóctonas galegas, a artesanía alimentaria ecolóxica, o mel ou a horta.
Referente en España
BioCultura está a situarse como un evento de referencia nacional no ámbito do ecoturismo e os produtos ecolóxicos, e forma parte dunha rede doutros eventos similares que se celebran nas principais cidades de España. Este ano agárdase a visita de ao redor de 15.000 persoas.
Nesta ocasión exporán a súa oferta unhas 110 empresas e entidades dos sectores de ecoturismo, alimentación ecolóxica, eco-cosmética, moda sostible e todo o que ten que ver cun eco-estilo de vida. Ademais, terán lugar paralelamente preto de 100 actividades, relacionadas cos temas de interese actual.
A relación de operadores ecolóxicos que asistirán a BioCultura da man da Xunta é a seguinte:
- TRASDEZA NATUR, froitas e verduras deshidratados
- LUCIA AFONSO, mel
- CELTAVERDE SL, produtos cárnicos
- JAMONES GONZÁLEZ SLU, produtos cárnicos
- CONSERVAS COUTO MISTO SL, conservas precociñados
- ECOGALLETAS, doces
- ABELLA MEIGA, mel
- BUBELA ARTESÁ, pasta alimenticia especial e cervexa
- PORTO-MUÍÑOS SL, algas
- BARONCELI, conservas vexetais
- GALURIÑA, empanadas
- MARUXAS DE NATA, galletas
- MILHULLOA, verduras deshidratadas
- VERIN BIOCOOP SCG, produtos cárnicos
- CELEBRIDADE GALEGA, cervexa
- OVOS CORAZÓN DE GALICIA, ovos
- CASA GRANDE DE XANCEDA, iogur, leite, queixo
- TATA ALIMENTOS, deshidratados vexetais
- DAIQUI SCG, mel, froitos secos, verduras e froitas e legumes
- AVILUGO, carne de ave
- CALABIZO, produtos veganos
- LENATT FOOD SC, cremas doces
- ARQUEIXAL, queixo
- BIOBRA, viños e licores
- A HORTA DE SANCOVEIGA, verduras
- ACEITES FIGUEIREDO, aceite
- TRALOAGRO, produtos cárnicos.