A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto á delegada da Xunta, Belén do Campo, supervisou hoxe o inicio das obras

A Xunta inicia as obras de humanización da Travesía de Palmeira, no concello de Ribeira, nas que inviste preto de 3 M€

A actuación abrangue un quilómetro desta AC-305 ao paso por Palmeira na que se priorizará o espazo peonil, harmonizarase o espazo con novo mobiliario urbano e habilitaranse zonas verdes 

A previsión da Xunta é que as obras que agora comezan estean rematadas no verán de 2026

A conselleira subliñou que a actuación “integral e sostible”, que se aborda coa colaboración da Fundación RIA, vai mudar radicalmente este espazo urbano “e poñer aínda máis en valor esta vila”

Nos últimos seis anos a Xunta ten investido 44,8M€ en actuacións de humanización en estradas autonómicas e espazos urbanos

Ribeira (A Coruña), 5 de marzo de 2025

A Xunta vén de iniciar as obras de humanización da estrada AC-305 ao seu paso por Palmeira, no concello de Ribeira, nas que inviste un orzamento de preto de 3M€. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto á delegada territorial da Xunta, Belén do Campo, supervisou hoxe o comezo dos traballos, que a Administración autonómica prevé rematar no verán de 2026.

A actuación, que a Xunta aborda en colaboración coa Fundación RIA presidida polo arquitecto David Chipperfield, abrangue un quilómetro desta travesía ao seu paso polo núcleo urbano de Palmeira, no que se recuperará espazo para a veciñanza e se priorizará o espazo peonil, ademais de abordar intervencións para reducir a contaminación visual e harmonizar o deseño do mobiliario urbano, aumentar a seguridade viaria e habilitar novas zonas axardinadas.

Entre outras intervencións, habilitaranse novas e máis anchas beirarrúas, novo mobiliario urbano, así como unha nova parada de autobús. Tamén se disporá novo alumeado e zonas verdes para dar sombra e invitar ao paseo. E así mesmo, calmarase o tráfico no viario, coa redución da velocidade actual de 50 a 30km/h.

A conselleira cualificou esta intervención que levará a cabo a Axencia Galega de Infraestruturas como “integral e sostible” e destacou que vai mudar radicalmente esta travesía urbana “e poñer en valor aínda máis esta vila”. M. Allegue subliñou neste senso que a obra vai mudar radicalmente o espazo “para convertelo nun entorno humanizado que desfrutará a veciñanza, pero que tamén dará un pulo importante, de seguro, á economía da vila porque atraerá máis turismo”.

Sinalou que nos últimos seis anos, a Xunta ten investido 44,8M€ en actuacións de humanización en estradas autonómicas e espazos urbanos.

Agradeceu á Fundación RIA a colaboración e a súa implicación “no desexo compartido” para transformar os espazos e humanizalos. E ao seu fundador, o arquitecto David Chipperfield, “o vínculo que ten formado con Galicia, porque contar detrás deste proxecto cunha figura do seu prestixio é para nós un privilexio”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/03/2025