A Xunta destaca o papel das mulleres como motor do comercio de proximidade
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou esta mañá a tenda Emilio Iglesias na que mantivo un encontro con mulleres comerciantes e salientou o seu rol clave no desenvolvemento do sector comercial
Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2025
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou esta mañá a tenda de moda Emilio Iglesias —establecemento adherido a última edición da iniciativa Bonos Activa Comercio— onde puxo en valor o papel feminino no retail e no comercio galego, compartindo experiencias con mulleres que levan anos adicadas a este sector.
Durante a visita, o director xeral subliñou que as mulleres non son só xeradoras de emprego e riqueza, senón que desempeñan un rol esencial na dinamización das vilas e cidades, contribuíndo a manter vivo o tecido social e económico a través do comercio de proximidade, un eido, remarcou, absolutamente prioritario para o Goberno galego. Así, Gabriel Alén destacou que, no marco do futuro Plan Estratéxico do Comercio 2025-2030, a Xunta de Galicia aposta por reforzar a competitividade do sector mediante accións centradas na formación, na profesionalización e na dinamización, aspectos fundamentais para garantir a adaptación ás novas tendencias de consumo.
Por outra banda, lembrou a ampla batería de medidas de apoio impulsadas polo Executivo autonómico como a orde para promover a dixitalización, a innovación e sustentabilidade do tecido comercial e artesanal que, cun orzamento de 3,9 millóns de euros, cobre actuacións nestas tres liñas de actuación —compatibles entre sí— e co prazo de solicitude aberto ata o 26 de marzo.