A delegada territorial da Xunta en Ferrol visita en Narón os cursos para desempregados que se imparten no centro de formación Irmáns Froilaz

Martina Aneiros informou de que o Goberno galego financia este curso 73 accións formativas para desempregados en 14 entidades das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal por valor de preto de 3,6 M€

Indicou que nesta convocatoria se deu prioridade ás especialidades máis demandadas polas empresas galegas e polas persoas traballadoras nas oficinas de emprego

Narón (A Coruña), 7 de marzo de 2025

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá no centro de formación Irmáns Froilaz, de Narón, ao alumnado dalgunhas das unha das oito accións formativas para persoas desempregadas (AFD) que se imparten este curso neste centro formativo municipal e ás que a Xunta destinou algo máis de 375.000 euros.

Durante a visita Aneiros puido charlar cos participantes dos cursos de montaxe e mobles, soldadura, atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais ou emprego doméstico que se imparten actualmente e interesarse polo seu grao de satisfacción con esta iniciativa da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración enfocada á adquisición e mellora de competencias profesionais.

A Xunta financia este curso nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal un total de 73 accións formativas para desempregados en 14 entidades no ámbito da Delegación territorial por valor de preto de 3,6 M€.

A representante autonómica lembrou que con elas o Goberno galego continúa a reforzar a formación para o emprego co reto de axustar estes cursos aos perfís que demanda o tecido produtivo e de dar resposta así ás vacantes que existen no mercado laboral. Por iso nesta convocatoria se deu prioridade ás especialidades máis demandadas polas empresas galegas e polas persoas traballadoras nas oficinas de emprego.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/03/2025