Medio Rural enxalza a importancia de feiras como BioCultura para fomentar o consumo de produtos saudables e ecolóxicos
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, participou esta mañá na inauguración da sexta edición deste evento
A Axencia, en colaboración co Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, apoia a presenza dun total de 27 operadores ecolóxicos da nosa comunidade no espazo institucional do Goberno galego
Ademais da presencia dos expositores, haberá un aula de cata onde se farán as presentacións dos produtos, actividades culturais relacionadas coa produción ecolóxica, catas e demostracións de cociña
A Coruña, 7 de Marzo de 2025
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, participou esta mañá na inauguración da sexta edición da feira BioCultura, o evento de referencia dos produtos ecolóxicos que se está a celebrar esta fin de semana na cidade da Coruña.
Durante a súa intervención, Alemparte puxo en valor este tipo de eventos, fundamentais para fomentar o consumo de produtos saudables e ecolóxicos entre a poboación. Asemade, sinalou que este tipo de iniciativas favorecen as canles curtas de comercialización, ao propiciar un contacto directo entre o produtor e o consumidor.
Nesta edición, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria, en colaboración co Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), apoia a presenza dun total de 27 operadores ecolóxicos da nosa comunidade no espazo institucional do Goberno galego. Nel están a amosar a súa oferta de produtos lácteos, da horta, cárnicos, repostería, conservas, cervexas, viños e licores, entre outros. Ademais da presencia dos expositores, haberá un aula de cata onde se farán as presentacións dos produtos, actividades culturais relacionadas coa produción ecolóxica, catas e demostracións de cociña.
Así, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria ten programadas ata 13 actividades nesta feira, que abranguen desde o “mar ecolóxico” -cunha maridaxe de algas e sidra, entre outros produtos-, ata os lácteos ecolóxicos, pasando por carnes de vacún das razas autóctonas galegas, a artesanía alimentaria ecolóxica, o mel ou a horta.
Referente en España
BioCultura está a situarse como un evento de referencia nacional no ámbito do ecoturismo e os produtos ecolóxicos, e forma parte dunha rede doutros eventos similares que se celebran nas principais cidades de España. Este ano agárdase a visita de ao redor de 15.000 persoas.
Nesta ocasión exporán a súa oferta unhas 110 empresas e entidades dos sectores de ecoturismo, alimentación ecolóxica, eco-cosmética, moda sostible e todo o que ten que ver cun eco-estilo de vida. Ademais, terán lugar paralelamente preto de 100 actividades, relacionadas cos temas de interese actual.
A relación de operadores ecolóxicos que asistirán a BioCultura da man da Xunta é a seguinte:
- TRASDEZA NATUR, froitas e verduras deshidratados
- LUCIA AFONSO, mel
- CELTAVERDE SL, produtos cárnicos
- JAMONES GONZÁLEZ SLU, produtos cárnicos
- CONSERVAS COUTO MISTO SL, conservas precociñados
- ECOGALLETAS, doces
- ABELLA MEIGA, mel
- BUBELA ARTESÁ, pasta alimenticia especial e cervexa
- PORTO-MUÍÑOS SL, algas
- BARONCELI, conservas vexetais
- GALURIÑA, empanadas
- MARUXAS DE NATA, galletas
- MILHULLOA, verduras deshidratadas
- VERIN BIOCOOP SCG, produtos cárnicos
- CELEBRIDADE GALEGA, cervexa
- OVOS CORAZÓN DE GALICIA, ovos
- CASA GRANDE DE XANCEDA, iogur, leite, queixo
- TATA ALIMENTOS, deshidratados vexetais
- DAIQUI SCG, mel, froitos secos, verduras e froitas e legumes
- AVILUGO, carne de ave
- CALABIZO, produtos veganos
- LENATT FOOD SC, cremas doces
- ARQUEIXAL, queixo
- BIOBRA, viños e licores
- A HORTA DE SANCOVEIGA, verduras
- ACEITES FIGUEIREDO, aceite
- TRALOAGRO, produtos cárnicos.