A Xunta activa a alerta laranxa por temporal costeiro nos litorais da Coruña e de Pontevedra
Incídese na importancia de seguir as medidas de protección e de extremar as precaucións, e aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese
Co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, o Goberno galego informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros
Suspéndese desde mañá pola tarde a actividade deportiva federada no mar nos concellos afectados polo fenómeno meteorolóxico adverso
Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2025
A Xunta vén de activar a alerta laranxa por temporal costeiro nos litorais da provincia da Coruña e Pontevedra. Co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, informou da situación a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.
Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) o fenómeno meteorolóxico adverso estará activo desde a tarde de mañá no oeste da Coruña, estendéndose na madrugada do día 9 ao suroeste da costa coruñesa e ao litoral de Pontevedra por vento do suroeste de forza 8 e mar combinada do oeste ou suroeste con ondas de ata seis metros.
Ademais, a Secretaría Xeral para o Deporte suspende mañá a actividade deportiva federada no mar en diversas áreas da Coruña e de Pontevedra a causa da alerta laranxa por fenómeno costeiro, segundo as previsións dos órganos preditores. A limitación rexerá a partir das 16,00 horas no oeste e suroeste da Coruña, así como nas Rías Baixas e Miño de Pontevedra.
A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.
Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.