O director do Instituto de Estudo do Territorio visitou a aldea de Ponteceso na que se impulsou o ano pasado esta iniciativa piloto para a revitalización de zonas rurais

A Xunta salienta os bos resultados do proxecto Couto Florido e avanza novas accións ao longo deste mes

No marco desta segunda fase da iniciativa, que arranca hoxe, Enrique de Salvador explica que se executarán varias intervencións para minimizar os posibles impactos visuais sobre a contorna paisaxística causados polo deterioro de espazos públicos e edificacións

Ponteceso (A Coruña), 7 de agosto de 2026

A Xunta de Galicia pon en valor os bos resultados acadados na aldea do Couto, en Ponteceso, grazas ás intervencións executadas ao longo do ano pasado en materia de paisaxe, flora autóctona e dinamización social no marco do proxecto piloto Couto Florido, unha iniciativa participativa de colaboración público-privada que terá continuidade en 2026 coa execución de novas actuacións.

Así o indicou o director do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Enrique de Salvador, que se achegou hoxe ata esta aldea coruñesa acompañado por membros da Fundación Eduardo Pondal, entidade con sede no Couto e que participa tamén no proxecto.

Durante o seu percorrido por algunha das zonas nas que son máis visibles os resultados das accións de mellora paisaxística e ambiental acometidas, confirmou que, como xa avanzara a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, nunha visita ao Couto en setembro de 2025, a Xunta seguirá colaborando para darlle continuidade ao proxecto, que aspira a replicar nun futuro noutros pobos de Galicia como unha ferramenta efectiva para a revitalización do rural.

Nesta segunda fase do Couto Florido, Enrique de Salvador avanzou que as intervencións se centrarán na eliminación ou redución dos impactos paisaxísticos que poden causar sobre a contorna natural determinados defectos estéticos ou o propio desgaste derivado do paso do tempo nos inmobles e en diferentes tipos de espazos e equipamentos públicos.

No desenvolvemento das actuacións propostas para este ano colaborarán o IET, por parte da Xunta, e a Fundación Eduardo Pondal, ademais de contar coa participación directa dos veciños, que foron consultados previamente á hora de deseñar o mapa das intervencións a executar. En canto aos prazos, coa visita preliminar de hoxe déronse por iniciados os primeiros traballos, que se desenvolverán ao longo do mes de agosto.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/08/2026