A Xunta denuncia o atraso do goberno central no envío dos datos do lobo a Bruxelas e o seu impacto na avaliación das especies e os hábitats comunitarios
O Goberno galego recorda que xa transcorreu case un mes e medio desde que a Conferencia Sectorial de Medio Ambiente aprobou o informe sexenal cuxa remisión a Bruxelas debería terse producido en xullo de 2025
Censura que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico estea escusándose en supostos erros nos datos das comunidades autónomas para incumprir a súa obriga e a pesar de que este atraso xa supuxo a apertura dun procedemento de infracción a España por parte das autoridades comunitarias
Nunha recente resposta a Galicia e outras comunidades, a comisaria europea de Medio Ambiente recoñece que esta situación dificulta á Comisión a avaliación do estado actual do conxunto de especies e hábitats comunitarios incluídos na Directiva Hábitats, xa que os últimos datos relativos a España corresponden ao período 2013-2018
Santiago de Compostela, 7 de agosto de 2026
A Xunta de Galicia denuncia un novo atraso por parte do Goberno central no envío a Bruxelas dos datos relativos ao período 2019-2024 sobre o estado de conservación do lobo en España, unha dilación totalmente inxustificada e que, ademais, podería prexudicar tamén ao resto de Europa ao dificultar a correcta avaliación da situación actual tanto desta especie como do resto de hábitats e taxóns protexidos pola normativa comunitaria.
Case un mes e medio despois de que a Conferencia Sectorial de Medio Ambiente aprobara co voto da maior parte das comunidades o informe sexenal sobre o lobo ibérico en España, o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miterd) continúa dilatando o envío da información á Comisión Europea, a pesar de que o prazo límite que tiñan todos os Estados membros para cumprir con esta obriga finalizaba o 31 de xullo de 2025.
Cómpre lembrar que Galicia remitiu en tempo e forma os datos correspondentes tanto ao lobo como ao resto de taxóns e hábitats presentes na Comunidade e suxeitos tamén á Directiva Hábitats europea. Foi o Ministerio, de forma unilateral, o que paralizou o procedemento previsto para a aprobación de todos os informes sexenais requiridos pola UE ao suspender a Conferencia Sectorial inicialmente convocada en xullo de 2025 e pospoñer calquera debate ou convocatoria sobre esta cuestión ata o pasado mes de xuño, é dicir, case un ano despois.
Por iso e tras semanas de contactos entre ambas administracións para tentar resolver os supostos erros detectados polo Goberno central nas fichas do lobo, elaboradas cos mesmos criterios técnicos e metodolóxicos que as do resto de especies —que foron aceptadas sen reparos—, a Xunta critica que o Ministerio siga insistindo nas súas obxeccións e exixe que se desbloquee canto antes a actual situación.
Nunha carta remitida hoxe ao secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático censura que o Ministerio estea “dilatando inxustificadamente” o envío dos informes solicitados polas autoridades comunitarias escusándose en supostos erros nos datos remitidos polas comunidades.
Como argumenta o departamento autonómico, a reticencia do Executivo central a trasladar á UE a documentación aprobada –a pesar de que Galicia estivo facilitando toda a información necesaria para solucionar as cuestións que se lle ían comunicando– non só supón o incumprimento dun acordo legalmente adoptado no marco da Conferencia Sectorial do pasado 22 de xuño, senón tamén da propia Directiva Hábitats.
De feito, cómpre lembrar que precisamente este atraso xa supuxo a apertura dun procedemento de infracción a España por ignorar as obrigas de información previstas na normativa europea con relación ao lobo e ao resto de especies obxecto de seguimento.
Por iso, a Xunta volve instar ao Ministerio a cumprir o acordado coas comunidades e a remitir canto antes ás autoridades europeas —a través da aplicación habilitada con tal fin pola Axencia Europea de Medio Ambiente (AEMA)— a información relativa ao lobo e ao resto de especies correspondentes ao período 2019-2024.
Implicacións a nivel europeo
O atraso que acumula España no envío dos informes sexenais previstos na directiva europea podería ter ademais implicacións a nivel comunitario e comprometer a valoración sobre as tendencias de conservación non só do lobo, senón doutras especies e hábitats.
Nunha recente resposta dirixida a Galicia e a outras comunidades con relación a este asunto, a comisaria europea de Medio Ambiente, Jessika Roswall, recoñece que esta situación está dificultando á Comisión Europea facer unha avaliación axeitada do estado actual do conxunto de especies e hábitats europeos incluídos na Directiva Hábitats, xa que no caso de España ten que utilizar os últimos dispoñibles, que corresponden ao período 2013-2018.
Neste sentido, a AEMA está analizando os datos remitidos polo resto de países para facer unha análise global da situación na UE do lobo e do resto de taxóns e hábitats sometidos a seguimento, pero a falta de información actualizada sobre España —que alberga 7 rexións bioxeográficas e 117 dos 235 hábitats de interese comunitario— e o uso de datos substitutivos da década pasada, dificultan e limitan a comparativa con informes anteriores e a calidade das avaliacións tanto a nivel nacional como europeo.