A Xunta dá luz verde ambiental ao cambio de uso de solo forestal a agrícola de seis parcelas para o plantado de viñedos no Concello de Cambados

A resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático non prevé que o proxecto teña impactos significativos sobre a contorna sempre e cando se cumpran os condicionantes fixados no propio informe ambiental e na documentación avaliada

A iniciativa para cultivar vides abrangue unha superficie de 1,55 hectáreas localizadas no Monte Lavandeira, parroquia de Castrelo

Para cambiar a funcionalidade orixinal dos terreos, eliminarase o estrato arbóreo, prepararase o solo, instalaranse sistemas de condución con pedra granítica e arame e plantaranse as vides

Santiago de Compostela, 7 de agosto de 2026

A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental a unha iniciativa para cambiar o uso do solo de forestal a agrícola de 6 parcelas -que suman unha superficie de 1,55 hectáreas e localizadas no Monte Lavandeira, parroquia de Castrelo, no concello de Cambados- para o plantado de viñedos.

Segundo conclúe o informe de impacto ambiental (IIA) emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático —cuxo anuncio foi publicado hoxe no Diario Oficial de Galicia— non son previsibles efectos adversos significativos na contorna derivados do proxecto sempre que no seu desenvolvemento se cumpran os condicionantes fixados tanto no documento ambiental e na restante documentación analizada como na propia resolución autonómica.

Neste sentido, o informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada desta iniciativa, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a participación pública sen que se recibira ningunha achega por parte do público en xeral, ao tempo que foron consultados un total de oito organismos interesados.

Froito desas consultas, as entidades realizaron a súa valoración e fixaron condicionantes que se engaden aos incluídos no programa de vixilancia ambiental que recolle a resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade.

En concreto, conclúen que sería viable a posta en marcha do proxecto sempre que se cumpran as condicións específicas dispostas nos seus respectivos informes en relación con aspectos tales como a protección da atmosfera, a poboación e a saúde; das augas e dos leitos fluviais; do solo e das infraestruturas; sobre o patrimonio natural e cultural; xestión de residuos ou a integración paisaxística e restauración.

Unha vez emitido o IIA, que non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente exixibles para poder desenvolver o proxecto, remitiuse a resolución ao órgano substantivo -a dirección xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias- e dáselle publicidade agora mediante anuncio no Diario Oficial de Galicia e a través da páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

Para executar estre proxecto no Monte Lavandeira, parroquia de Castrelo, prevese realizar labores de retirada do estrato arbóreo existente, a preparación dos terreos, colocación de sistemas de condución con pedra granítica e arame e o plantado das vides.

A xestión desta iniciativa é un modelo sustentable, evitando labranzas profundas, empregando cubertas vexetais e realizando un control biolóxico das pragas para evitar o uso de agroquímicos.

Data de actualización: 07/08/2026