A Xunta ve clave as mesas de comercio local para adoptar medidas adaptadas á realidade do sector

Ponteareas (Pontevedra), 12 de marzo de 2025

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou hoxe na Mesa de Comercio Local de Ponteareas —na que tamén estivo presente a alcadesa do municipio, Nava Castro—, onde puxo de relevo a importancia deste tipo de encontros nas principais vilas e cidades galegas para adoptar medidas adaptadas á realidade do sector. Nesta liña, sinalou que estas xuntanzas se impulsarán no marco do futuro Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, que estará finalizado neste mes.  

Neste sentido, o director xeral animou aos concellos a ir da man do tecido comercial das súas respectivas contornas para reunir aos principais axentes involucrados neste eido económico fundamental para a xeración de riqueza e emprego na nosa Comunidade. Estas reunións deben servir, engadiu, para o debate e a reflexión co obxecto de tomar as mellores decisións de cara a dinamizar o comercio local.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/03/2025