A Xunta avalía coa Asociación de escolas infantís de Ourense o desenvolvemento deste curso, o terceiro desde que en Galicia se implantou a gratuidade nesta etapa educativa
O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica sinala que esta medida beneficia a máis de 32.000 familias galegas e permítelle aforrar ata 3.000 euros ao ano
Ourense, 12 marzo de 2025
O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, reuniuse esta tarde coa Asociación de Escolas Infantís de Ourense. No encontro avaliaron o desenvolvemento deste curso 2024/2025 que é o terceiro desde que a Xunta de Galicia implantou a gratuidade nesta etapa educativa de 0 a 3 anos.
Jacobo Rey sinalou que esta medida xa beneficia a máis de 32.000 familias en toda Galicia, permitíndolles aforrar ata 3.000 euros ao ano. Así mesmo, defendeu que se trata dunha aposta firme do Executivo galego para mellorar a conciliación e que, desde a súa posta en marcha hai tres anos en todas as escolas infantís tanto públicas como privadas, a nosa comunidade converteuse en líder de escolarización de 0 a 3 anos.
Ademais, no encontro analizaron os cambios para o vindeiro curso 2025/2026 no que, por primeira vez, todas as escolas infantís privadas e de iniciativa social do programa de gratuidade aplicarán uns criterios de preferencia comúns. É dicir, daráselle prioridade aos fillos e fillas dos traballadores da escola, aos nenos e nenos que teñan a ambos proxenitores en ocupación laboral e no caso das familias monoparentais, cando o pai ou nai tamén se atope nesa situación.