A Xunta aposta polo traballo conxunto co resto de entidades públicas para seguir avanzando na igualdade de xénero
A directora xeral de Promoción da Igualdade destacou que o traballo das institucións e agrupacións locais é fundamental neste eido
O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero lembrou que Galicia é unha comunidade referente tanto nos recursos de prevención como na atención ás vítimas
Abegondo (A Coruña), 13 de marzo de 2025
A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, e o director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, participaron no acto que organiza a Asociación Mariñas-Betanzos para conmemorar o Día Internacional das Mulleres. Durante as súas intervencións destacaron o traballo conxunto entre a Xunta e o resto de entidades públicas para seguir avanzando na igualdade de xénero.
Neste sentido, María Quintiana destacou que o traballo que realizan as institucións e agrupacións locais é fundamental neste eido. Así, fixo especial mención ao labor dos Centros de Información á Muller (CIMS), un recurso imprescindible para seguir avanzando na igualdade de xénero, por iso avanzou que o Executivo galego segue traballando no Plan Integral dos CIMS para mellorar este servizo.
A directora xeral tamén recalcou que a Xunta de Galicia pon a disposición do resto da cidadanía máis recursos como os centros Quérote +, que ademais de atención integral tamén ofrecen asesoramento á mocidade no eido da igualdade e o bo trato.
Así mesmo, Roberto Barba lembrou que a Administración autonómica segue reforzando a súa colaboración coas entidades sociais a través de diferentes ordes de achegas. Ao respecto, fixo fincapé en que Galicia é unha comunidade de referencia na atención ás vítimas de violencia de xénero e na súa protección legal.