Martina Aneiros destaca o labor das agrupacións de voluntarios de protección civil durante un encontro coa nova directiva da asociación provincial
A delegada territorial mantivo esta tarde un encontro con membros da entidade para coñecer os seus proxecto máis inmediatos así como as prioridades que fixan de cara a esta nova etapa
Ademais puxo en valor o compromiso do Goberno galego con este colectivo a través das distintas convocatorias de axudas autonómicas, tanto para gastos de funcionamento como para a dotación de material
Ferrol, 13 de marzo de 2025
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, reuniuse esta tarde coa nova directiva da asociación provincial de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) da Coruña, encabezada pola súa presidenta, Oliva García, que tomou recentemente posesión do cargo tras unha extensa traxectoria como voluntaria en Bergondo.
Durante o encontro, a entidade trasladoulle á delegada territorial as prioridades de cara a esta nova etapa, así como algunhas das súas necesidades e proxectos máis inmediatos.
Martina Aneiros aproveitou, a ocasión, para agradecer o traballo da entidade que aglutina a todas as agrupacións de Protección Civil da provincia e lembrou o apoio permanente do Goberno galego a este colectivo a través de distintas convocatorias de subvencións coa finalidade de promover a creación, o desenvolvemento e equipamento destas organizacións tal e como establece a Lei de Emerxencias de Galicia.
Así, destacou o incremento das axudas para gastos de funcionamento das agrupacións de persoal voluntario de Protección Civil dos concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de municipios inscritas no Rexistro de Agrupacións de Persoal Voluntario de Protección Civil (AVPC) que contan este ano cun orzamento de 370.000 euros, 30.000 euros máis que nos exercicios anteriores.
Lembrou que se trata de axudas que poderán destinarse a necesidades como equipamento e vestimenta persoal de uniforme; equipos de prevención e protección; material informático e de comunicación; custos de actuacións levadas a cabo pola agrupación; de conservación, mantemento e alugueiro da base, e medios de intervencións e de formación dos seus membros, así como o pago de seguros do persoal voluntario.
Esta orde de axudas, súmase, tal e como explicou a delegada territorial, á liña de apoio específica para a dotación de material á que a Xunta destinou nos últimos anos 14 M€ en apoio ás 235 agrupacións de voluntarios de Protección Civil de Galicia.