A Xunta pon en valor a investigación con perspectiva de xénero para visibilizar o papel das mulleres sen sesgos de xénero ao longo da historia
A directora xeral de Promoción da Igualdade sinala a necesidade de poñer enriba da mesa o traballo invisibilizado durante séculos de moitas mulleres
Vigo, 14 de marzo de 2025
A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, participou na presentación do libro Contáronme un conto mal contado. Onde estaban as mulleres da historia? no que diferentes investigadoras e historiadoras amosan unha mirada feminista desde a Prehistoria ata o século IV. Durante a súa intervención puxo en valor a investigación con perspectiva de xénero para visibilizar o papel das mulleres sen sesgos de xénero ao longo da historia.
Quintiana agradeceu o traballo de todas as investigadoras, á Universidade de Vigo e á Editorial Galaxia por seguir apostando pola súa colección Feminismos, na que se enmarca este libro e co que colabora a Xunta de Galicia. Neste sentido, explicou que traballos coma este son imprescindibles para ver e contar a historia cunha mirada limpa e sen os estereotipos de xénero da actualidade. Así, lembrou que se vai poñer en marcha o Programa Galicia Investiga Igualdade, unha convocatoria de apoios a contratos predoutorais con investigacións en materia se xénero.
Neste sentido, a directora xeral sinalou a necesidade de poñer enriba da mesa o traballo invisibilizado durante séculos de moitas mulleres. Así, puxo como exemplo a colaboración tamén da Xunta de Galicia para que se coñeza o traballo das estibadoras de Ferrol, as 200 mulleres que extraeron 245.000 metros cúbicos de pedra e terra na que foi a maior obra de enxeñería hidráulica do século XIX en España, o Dique da Campá. Isto fíxose posible grazas á colaboración co espectáculo Dique, de Nova Galega de Danza.
Foro ‘As mulleres que opinan son perigosas’, en Pontevedra
Pola tarde, a directora xeral asistiu ao foro As mulleres que opinan son perigosas, en Pontevedra, un espazo desde o que se pon en valor o papel do xornalismo para crear sociedades máis xustas e democráticas, ademais de servir para amosar a grandes referentes xornalísticos de Galicia e toda España.
Para Quintiana trátase dun lugar no que recoñecer todo o traballo de tantas xornalistas que co seu esforzo e, en moitas ocasións, a pesar das discriminacións, foron quen de ocupar o seu espazo e ser exemplo para as novas xeracións.