O presidente participou hoxe na cerimonia de entrega do galardón, concedido ao Padroado do Alcázar de Segovia
Rueda destaca o labor de preservación cultural na entrega dos Premios Cidades Patrimonio 2024
Puxo en valor os fitos galegos en materia de recoñecemento patrimonial, incluíndo a declaración de máis de 700 BIC e 5 Patrimonios Mundiais da Humanidade
Apelou ao traballo colectivo da sociedade na conservación, no turismo sostible e no desenvolvemento urbano
Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe na cerimonia de entrega dos Premios Cidade Patrimonio 2024, unha distinción concedida dende 2008 polo Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade de España (GCPHE) en recoñecemento ao labor salientable no eido da conservación, promoción e difusión do patrimonio e histórico e cultural.
Nesta edición, os gañadores foron os membros do Padroado do Alcázar de Segovia, Monumento Histórico Artístico dende 1931 e declarado Patrimonio da Humanidade en 1985. O xurado enxalzou na súa valoración o esforzo de salvagarda e de promoción innovadora do valor do icónico enclave.
O xefe do Executivo galego apelou á necesidade do traballo colectivo, social e institucional, na defensa da memoria propia dos enclaves patrimoniais, e chamou a emprender accións que aseguren a súa conservación, o turismo sostible e o desenvolvemento urbano harmónico que permita a convivencia respectuosa dos monumentos coa realidade cotiá das cidades.
O presidente da Xunta subliñou a importancia de contar cun patrimonio ben conservado “como motor da economía, como atractivo turístico e como fonte de orgullo para quen vive nel”, subliñou. Neste senso, Rueda reivindicou os esforzos levados a cabo en Galicia para garantir a continuidade da súa riqueza cultural e patrimonial, sendo un territorio que conta con máis de 700 Bens de interese Cultural (BIC) e 5 Patrimonios Mundiais da Humanidade.
Igualmente, o presidente apuntou aos avances candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial, coa documentación presentada de xeito oficial o pasado mes de xaneiro, e que se convertería no 6º asentamento galego con esta distinción.